Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo do PP urxe que o Goberno provincial adopte as medidas necesarias para finalizar proxectos que levan preto de dez anos pendentes

Lugo, 25 de maio de 2017.- O Grupo Provincial do PP rexistrou esta mañá unha moción para o seu debate na próxima sesión plenaria, que terá lugar o vindeiro martes, a través da que insta ao actual Goberno socialista da Deputación de Lugo que adopte, de maneira urxente e inmediata, todas as medidas necesarias para finalizar os proxectos que anunciaron no seu día os executivos socialistas na institución provincial e que suman retrasos de preto de dez anos.

En concreto, os populares piden a posta en funcionamento necesaria das piscinas climatizadas de Monterroso e da Pastoriza, dos centros de atención a persoas maiores, do centro de recría, da sala para despece de caza de A Fonsagrada, da nova sede da UNED en Lugo, do edificio de enxeñería civil, da praia fluvial na cidade de Lugo e do complexo turístico de benestar social en Augasmestas, entre outras.

Ante esta situación, os populares desmenten as declaracións do expresidente, José Ramón Gómez Besteiro, quen aseguraba que durante os seus mandatos cumprira con todo aquilo que prometera, xa que a día de hoxe “os proxectos estrela vendidos e impulsados durante o seu Goberno provincial seguen sen estar rematados e, polo tanto, sen prestar o servizo para o que son levados a cabo”, lamentan.

Dende o Grupo Popular tachan esta situación de “moi grave” dado a importante cantidade de fondos públicos, cifra que supera os 33 millóns de euros, destinados a uns proxectos inacabados pese ao tempo transcorrido dende que se anunciaron. “É necesario que dende a Deputación se cumpra cos compromisos adquiridos e que se poñan a traballar para que estes proxectos non se queden en meros anuncios propagandísticos”, reclaman.

Proxectos inacabados
Entre os proxectos inacabados, os populares na súa iniciativa fan referencia ás piscinas climatizadas dos concellos de A Pastoriza e de Monterroso, cuxas construcións se adxudicaron nos anos 2009 e 2010, respectivamente, e cun investimento de máis de tres millóns de euros. Transcorridos máis de sete anos no caso da piscina de A Pastoriza e máis de seis na de Monterroso, ningunha destas dúas infraestruturas ten abertas as súas portas ao público.

A mesma situación se dá co proxecto de construción e xestión dos centros de atención a persoas maiores. Dende a aprobación en outubro de 2010 da encomenda de xestión á Suplusa e tras investir máis de 15 millóns de euros, non se ten creado nin unha soa praza.

Os populares tamén mencionan o proxecto do centro de recría na Granxa Gayoso Castro que se anunciou que se convertería nun referente do sector agropecuario e que estaría en funcionamento no ano 2009. Despois de oito anos, non é unha realidade pese a que a súa inversión supera os 12 millóns de euros.

Ademais, segundo engaden dende o PP, entre os incumprimentos dos Gobernos socialistas existen outros proxectos que se anunciaron no seu día e tiveron investimento por parte da institución provincial e que, a día de hoxe, tamén seguen sen estar en funcionamento. Entre eles, atópase a sala de despece de caza de A Fonsagrada, a nova sede da UNED en Lugo, o edificio para a Escola de Enxeñería Civil, a praia fluvial na cidade de Lugo e o complexo turístico de benestar social en Augasmestas.

Exit mobile version