En agosto do ano 2008 Ignacio González acudía a Cartaxena e reuníase co presidente colombiano Álvaro Uribe. No informe da investigación efectuada, que incluía unha reportaxe fotográfica, podíase apreciar como os acompañantes do presidente da comunidade de Madrid accedían a un inmoble con bolsas brancas e saían sen elas.
En xaneiro do ano 2015 o presidente da comunidade madrileña poñía a primeira pedra dun colexio público no distrito de Fuencarral, o nome todo un presaxio: Blas de Lezo.
A heroicidade tornou en pesadelo dando comezo ao enésimo macro-proceso xudicial relativo ao expolio das institucións e branqueo de capitais.
Pero a devandita “Operación Lezo” podería entenderse como un retrato de estilo barroco do modelo político-económico patrio.
Temos así, por unha parte, unha empresa pública que se encarga da xestión do ciclo da auga na comunidade de Madrid: O Canal de Isabel II; por outra banda atopámonos coa figura de Ignacio González, sucesor de Esperanza Aguirre na presidencia do goberno autonómico.
A ecuación é moi sinxela: González utilizou a maior empresa pública da administración de Madrid para comprar sociedades en Latinoamérica por un prezo por enriba ao de mercado, desviando fondos públicos en beneficio de persoas vinculadas ao anterior goberno rexional.
E polo medio de todo este conto concorren evidentes vínculos con outras operacións xudiciais como Púnica ou Mercacasa, con concesionarias públicas coma Indra, OHL, ICM, Urbaser ou con referentes da xestión como o xenro de Villar Mir: Javier López Madrid.
Nada novo baixo o sol, poderíamos entender que a nominada operación Lezo sería tan só unha versión castiza da autóctona Pokemon. E poida que o máis importante tamén de toda esta película sexa que o noso modelo económico se atope bastante afastado do capitalismo de Henry Ford ou Bill Gates, ou do exemplo das startups.
Outra das conclusións que podemos extraer deste pesadelo de Lezo cae sobre o poder xudicial. Da investigación levada a cabo pola Garda Civil coñecimos do sms do recén incorporado Ministro de Xustiza, Catalá, agradecéndolle a Ignacio González os servizos prestados, e das conversas entre Enrique Cerezo e o propio González.
Aí quedan citas que xa forman parte do imaxinario colectivo patrio:
“…aquí que queda ¿pegarle dos tiros a la juez?¿Qué alternativas tengo?¿No se puede hablar con el fiscal?
E aí queda tamén aquela cita do “Turco” Sollozo da novela de Mario Puzzo “O Padriño” adaptada maxistralmente ao cine:
“Don Corleone. Preciso dun home con amigos poderosos. Preciso dun millón de dólares. Preciso, Don Corleone, a todos eses políticos que vostede carga no peto coma se foran centavos.”