Martes, 30 de maio de 2017. O pleno de Foz aprobou por unanimidade, na súa última sesión plenaria, unha moción do Grupo Municipal do BNG, na que solicita primeiramente que o Concello de Foz certifique se as antenas situadas no inmóbel anexo ao Colexio nº1 seguen funcionando, en segundo lugar que non autorice o funcionamento dun complexo de telefonía móbil nese emprazamento e por último que se inicie o procedemento para retirar as antenas situadas no edificio anexo ao Colexio nº1.
As concelleiras nacionalistas, Lorena Seivane e Teresa Rego, afirmaron que “as palabras do Alcalde no pasado pleno non fixeron máis que aumentar as nosas dúbidas sobre se as antenas seguiron funcionando nestes últimos anos, a pesar da existencia dunha sentenza xudicial que prohibía que seguisen operando nesta ubicación. Non hai outra explicación, senón, para as súas palabras nas que seguía afirmando que descoñece que as mesmas seguen funcionando. Ao tempo, o Alcalde afirmou descoñecer o contido da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza de Outubro de 2006 no que se declaraba ilegal o complexo de telefonía móbil anexo ao Colexio nº1 por carecer da preceptiva licenza de actividade”.
O Bloque Nacionalista Galego ten serias dúbidas de que estas antenas de telefonía non estiveran funcionando após 2006, nun caso claro de desacato a unha resolución xudicial que prohibía de xeito expreso esta actividade. Lorena Seivane e Teresa Rego indican que “o alcalde de Foz ten a obriga de coñecer estes feitos polo que as declaracións do Sr. Castiñeira como unha escusa para evitar aclarar a verdade sobre estes feitos e mesmo tentar agochar información de cara a eludir as súas responsabilidades políticas ou mesmo xudiciais. É hora de saír de dúbidas, por iso solicitamos que se cumpra canto antes co aprobado na moción e o grupo de goberno certifique se as antenas situadas no inmóbel anexo ao Colexio nº1 seguen funcionando”.
Lorena Seivane e Teresa Rego amosáronse dispostas a entregarlle ao Alcalde de Foz o auto da Sala de Contencioso da Audiencia de Lugo de 2003 ratificado en sentenza firme por unha resolución da Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en 2006, no que se prohibían as emisións, a fin de que cese canto antes unha actividade que xera alarma social e que pode ser un risco para a saúde dos veciños da zona, así como dos nenos e nenas do Colexio nº1. Na mesma liña esixen que o Alcalde explique publicamente toda a verdade sobre este asunto e moi particularmente se as antenas, como todo indica, estiveron funcionando a pesar da resolución xudicial.
O BNG solicita que se proceda a executar coa máxima urxencia as resolucións acordadas na moción e por conseguinte desde a Alcaldía se incoe un expediente informativo para aclarar o estado no que se atopan as antenas, así como un expediente de disciplina urbanística para proceder á retirada das mesmas.