Dende o Goberno local lembran que en agosto de 2015, con Elena Candia como presidenta da Deputación de Lugo, se realizaron traballos de desbroce e limpeza ao redor do Mirador, o que supoñía un primeiro paso para a adecuación das inmediacións do edificio. Ademais, tamén se anunciaba a intencionalidade de Presidencia de redactar un proxecto para a rehabilitación de estancias do inmoble sobre que as se podía obter un maior aproveitamento en función da súa localización e funcionalidade. A previsión era a de materializar o proxecto no ano 2016. Pola súa banda, o Goberno local comprometíase a facer as xestións precisas para mellorar os accesos no momento en que o proxecto estivese en marcha.
Unha iniciativa que contou co apoio de todos.
Ante esta situación, e dado que o Goberno de Darío Campos na Deputación non realizou dende 2015 ningún tipo de acción dirixida á posta en valor deste edificio, o Partido Popular local levou de novo onte a pleno unha proposta a través da que pide que se continúe tanto co correcto mantemento da limpeza e desbroce do entorno do inmoble como co proxecto de rehabilitación do mesmo.
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, agradece a apoio de todas as forzas políticas á proposta popular xa que “non podemos renunciar a recordarlle insistentemente á Deputación que invista nun inmoble que deixou abandonar nos últimos anos. Estamos pedindo colaboración aos particulares para que rehabiliten os seus inmobles e non podemos ser menos esixentes coas administracións”, considera.
Petición de responsabilidades
A Deputación é propietaria do complexo do Mirador que no seu día tivo unha importante actividade turística pero que na actualidade as súas instalacións atópanse nun avanzado estado de abandono.
Candia pide tamén responsabilidades ante o pésimo estado de conservación no que os socialistas e os nacionalistas deixaron o edificio. “Seguimos a sufrir a incapacidade absoluta do Goberno provincial para xestionar os bens da súa titularidade, ata o punto de que o bipartito de Besteiro recibiu un edificio en funcionamento que nos deixaron en pésimas condicións despois de intentar malvendelo e mesmo cedelo nese estado a outras administracións, amparándose incluso en iniciativas que ían en detrimento da localidade”, lembra Candia, e agora, engade, “Darío Campos segue a esquecerse do inmoble”
Ante esta situación, todas as forzas políticas, co apoio á iniciativa popular, “piden que asuman as súas responsabilidades”, conclúe.