Site icon Crónica3.com A Mariña

O portavoz de Pallasos en Rebeldía, Iván Prado, para en Ribadeo na súa PeregrinaClown de Xixón a Compostela para reivindicar a liberdade de Abu Sakha, clown palestino que leva 18 meses preso

Santiago de Compostela, 31 de maio. O pallaso e portavoz de Pallasos en Rebeldía Ivan Prado fará unha das paradas da súa PeregrinaClown de Xixón a Compostela en Ribadeo, despois dunha semana de xexún solidario en Madrid acompañando ás 1600 persoas palestinas presas en folga de fame nas cadeas israelís, e de iniciar o Camiño do Norte en Xixón o pasado luns 29 para chegar o 11 de xuño a Compostela. Na súa parada, este domingo 4, terán lugar distintos actos: unha recepción no Concello de Ribadeo ás 14 horas, e unha charla no café Amodiño xa ás 17:30 da tarde.

A PeregrinaClown é un xesto solidario e de denuncia co que se quere visibilizar unha vez máis a situación de desamparo e inxustiza que se vive en Palestina, máis concretamente o que sofren miles de persoas nos cárceres israelís, moitas mesmo menores de idade e enfermas. A figura de detención administrativa, totalmente arbitraria, sen xuízo nin probas, retén en prisión ao artista de circo e clown Abu Sakha, colaborador de Pallasos en Rebeldía e o Festiclown Palestina, alumno e amigo de Iván Prado, desde decembro do 2015. Estas detencións abusivas e sen motivo que exerce o estado israelí están a ser denunciadas por campañas estatais e internacionais, coma a folga de fame de 1.600 presxs (incluíndo ao propio Abu Sakha), á que Prado tamén se adheriu esta semana pasada, do 22 ao 26, cun xexún solidario na carpa de Circo Arribas en Rivas Vaciamadrid, ou difundindo vídeos do desafío #SaltWaterChallenge, nos que varias persoas beben un vaso de auga con sal. A folga de fame dxs presxs palestinxs rematara con éxito o sábado pasado, e o mesmo agardamos desde Pallasos en Rebeldía con esta PeregrinaClown: “porque o día 11 de xuño é o día que estamos tentando que liberen a Abu Sakha un paiaso compañeiro noso de Yenin e da “Circus school” de Ramallah que sofre unha detención administrativa dende o 11 de decembro de 2015. O tribunal superior sacou unha sentenza que impide que se prorrogue a detención administrativa alén de 3 meses a partir do 11 de xuño”.

A ruta arrincou o martes 30 de maio da Praza Maior de Xixón, despois de varios actos o luns (unha recepción no Concello e a presentación oficial da peregrinación no Ateneo Obrero). Ese mesmo día chegou a Avilés, e de aí saíu o mércores 31 para Soto de Luiña, pasará o 1 de xuño por Cadavedo, o 2 por Luarca e o 3 por La Caridad, para xa o luns 4 chegar a Ribadeo. A ruta segue con diversos actos: o 5 estará en Mondoñedo, o 6 en Abadín, o 7 en Vilalba, o 8 en Baamonde e o 9 en Sobrado dos Monxes. O 10 está prevista a chegada a Arzúa, para facer a última etapa do Camiño e chegar o 11 a Compostela.

Exit mobile version