Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Lourenzá insta ao Goberno a elaborar un plan de dinamización turística, co fin de potenciar a riqueza natural, cultural e patrimonial do municipio

LOURENZÁ, 23 de maio de 2017.- O grupo municipal de Lourenzá insta ao Goberno local a crear un plan de dinamización turística do concello. Así se desprende da moción que se debaterá este xoves no Pleno que celebrará a Corporación municipal, e que nace froito de que neste mandato “a aposta polo turismo e por configurar unha estratexia de xeración de valor neste municipio brilase pola súa ausencia”, en contraste, especifican os populares, “co que está a acontecer en varios dos nosos concellos veciños”.

Convencidos de que “Lourenzá nin debe, nin pode permitirse quedar apeada desta gran oportunidade, pois temos grandes tesouros culturais, patrimoniais, artísticos, gastronómicos, ademais dunha relevante riqueza ambiental e paisaxística, que nos converten nun destino turístico atractivo”, propoñen elaborar, directamente ou en colaboración cunha empresa especializada, este plan dentro do Xeodestino A Mariña Lucense. Trátase, en definitiva, de potenciar e explotar todos os recursos tradicionais, así como as novas tendencias, no que participen os axentes locais involucrados e un membro dos grupos políticos con representación no Pleno, e no que, polo menos, se recollan as seguintes propostas:

1.- A apertura do Punto de información Turística durante os meses de verán de luns a domingo, ademais dos festivos con máis movemento de turistas e especialmente os que coincidan con pontes festivas nesta ou noutras Comunidades Autónomas.

2.- Promover un convenio de colaboración con produtores de faba para manter o Centro de Interpretación da Faba aberto no verán, e no cal se ofreza produto a venta e se proxecten vídeos que mostren o traballo que leva aparellado o seu cultivo; así como potenciación da Ruta da Faba, completando as visitas a explotacións do Val de Lourenzá.

3.- Levar a cabo labores de difusión e conservación da ruta de sendeirismo Val de Lourenzá.

4.- Analizar o convenio vixente coa Diócese Mondoñedo-Ferrol a fin de ampliar o horario de visitas á Igrexa e ao Museo de Arte Sacro.

5.- Buscar fórmulas de financiamento para recuperar o mosteiro de San Salvador e darlle un uso ao mesmo.

6.- Potenciar a ruta literaria Francisco Fernández del Riego proxectando un calendario de eventos culturais en datas sinaladas na vida do galeguista en torno á mesma para difundir a obra e de paso a vila natal do Fillo Predilecto.

7.- Convocar a comisión de seguemento do Pazo de Tovar, co obxectivo de que non se perda o uso público da rehabilitación do mesmo.

8.- Promover un convenio cos hostaleiros locais para que se incluía a Faba de Lourenzá nas cartas, así como se potencie como prato típico, ampliando así o labor de identificación do concello.

9.- Promover o uso turístico do edificio municipal construído na área recreativa da Cazolga a fin de potenciar a única zona que existe dentro de Rede Natura, e aproveitando o Camiño de San Rosendo que dende Foz e, nun futuro ata Celanova, pasa ao carón da mesma.

10.- Achegar recursos económicos de xeito anual a este plan, coa finalidades de poder facelo efectivo e solicitar, de ser necesario, fondos á Deputación de Lugo e a outras administracións, para a dinamización cultural, económica e turística do concello.

Cumprimento do convenio para a mellora do Camiño de A
Asimesmo, e tal e como anunciaran en día pasados, os populares pedirán ao Goberno que axilice as xestións coa Deputación para que esta mellore o Camiño de A. Concretamente, as entidades local e provincial asinaran e novembro de 2016 un convenio para a rehabilitación do firme desta estrada, dotado con 150.000 euros.

Exit mobile version