Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Lugo pon en marcha a I Convención de Política Social e Igualdade, coa participación de importantes especialistas na materia

IMG_0766LUGO, 19 de maio de 2017.-A presidenta provincial do PP, Elena Candia, acompañada de varios integrantes da Comisión de Política Social, presentou este venres a I Convención de Política Social e Igualdade, que se celebrará o vindeiro sábado, 27 de maio, no Hotel Méndez Núñez. O foro, organizado polo Partido Popular, congregará ese día a especialistas na materia, quenes exporán e analizarán este asunto dende as perspectivas social, xudicial ou da inclusión.

Deste xeito, e co fin de chegar a un maior número de persoas, o simposio ten un carácter máis formativo que político porque, tal e como explicou a dirixente provincial, “o noso obxectivo é que ao encontro asista calquera persoa que poida estar interesada no tema que centra a convención. Queremos ser un instrumento útil, que dea solución aos problemas da cidadanía. Por iso, o que pretendemos é abordar de maneira seria e realista os retos da política social en España, en Galicia e na provincia”, destacou Elena Candia.

Con este encontro, segundo precisou a dirixente do PP, dase continuidade ao compromiso político que asumiu hai un ano a nova dirección de achegar o Partido á xente. Neste senso, a actividade engádese a esa dinámica e escoita activa que vén levando a cabo a organización con distintos colectivos e sectores. A finalidade, subliñou a presidenta, é “crear un escenario de debate e de aportacións para que as demandas cheguen ás institucións con responsabilidades, e que estas poidan ser cursadas. A idea é converter o Partido nun instrumento de conexión entre a sociedade, o tecido asociativo e órganos de goberno, facendo aportacións construtivas, tal e como fixemos co congreso de Educación, o Foro Emprende -destinado a autónomos- ou o Foro de Sanidade”, indicou.

Un programa con grandes especialistas
O encontro dará comezo ás 10:00 horas, e contará con distintos especialistas na materia. Será inaugurado polo secretario de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, Marío Garcés Sanagustín, así como polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela; o secretario Xeral Técnico da consellería de Política Social, Francisco Javier Abad Pardo; e a presidenta do PP, Elena Candia.

Acto seguido, darán comezo os relatorios. O primeiro, baixo o epígrafe “Os retos e obxectivos das políticas sociais en España”, correrá a cargo do responsable estatal Garcés Sanagustín. Pola súa banda, Abad Pardo exporá os retos da administración autonómica na provincia de Lugo. Asimesmo, a secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, moderará a mesa redonda sobre a violencia de xénero, na que intervirán, dende unha perspectiva xudicial, o vicedecano do Colexio de Avogados de Lugo, Óscar Núñez-Torrón Latorre; dende o ámbito social, a secretaria Xeral da asociación Mulleres en Igualdade, Carmen Funez de Gregorio; e dende a óptica asistencial, Carmen Paredes Cabral, membro do Centro de Urxencias para Vítimas de Violencia de Xénero (CEMVI).

A convención contará, ademais, con outras dúas mesas redondas, que se densenvolverán en horario de tarde. A partir das 16:30 horas, a directora Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez, moderará a primeira sobre a situación dos menores, e na que participarán: Jesús Iglesias Vázquez, da asociación AGACEME de A Pontenova; Mónica Permuy López, presidenta da Fundación MENIÑOS; e Antonio Aparicio de Zúñiga, da Fundación CAMIÑA SOCIAL.

A continuación, terá lugar a segunda mesa redonda, que versará sobre a sobre inclusión social. Estará moderada polo director Xeral de Inclusión, Arturo Parrado Puente. Nelaintervirán: Iris Castro Meitín, presidenta da asociación de Enfermos Mentais da Mariña; Mónica Seijas Rodríguez, xerente de APSNAIS; e axerente de DOWN LUGO, Delfina Pérez Suárez. O simposio será clausurado ola coordinadora sectorial de Política Social do PP de Lugo, María José Blanco Freire, e a presidenta provincial do PP.

Exit mobile version