Site icon Crónica3.com A Mariña

Os concelleiros de “Foz, plataforma de futuro” mostran a súa satisfación pola aprobación das tres mocións presentadas e debatidas no pleno do mes de maio

FOZ a 29 de Maio de 2017. Os concelleiros de “Foz, plataforma de futuro” mostran a súa satisfación pola aprobación das tres mocións presentadas e debatidas no pleno do mes de maio DO CONCELLO DE FOZ.

-Instar ó Concello de Foz ó pintado e sinalización da rúa que une o cemiterio e a igrexa en Vilaronte.
-Instar á Xunta de Galicia a mellorar para o ano 2018 a renda de inclusión social de Galicia (RISGA).
-Instar ó Concello de Foz ó adecentamento da Rúa Pena Parda en Marzán.

Este pasado xoves 25, ven de celebrarse o pleno da corporación municipal do mes de maio do concello de Foz. Un pleno no que as tres mocións que “Foz, Plataforma de Futuro” presentou para o seu debate e aprobación, foron aprobadas cos votos favorables de toda a oposición e a abstención do equipo de Goberno.

No punto número 3 da orde do día figuraba a proposta de FPF de “Instar ó Concello de Foz ó pintado e sinalización da rúa que une o cemiterio e a igrexa en Vilaronte”. Na parroquia de Vilaronte, nos últimos tempos, fíxose unha obra moi importante como foi o aceso a esta parroquia pola estrada do cemiterio. Con anterioridade abrírase a estrada que ven dende a igrexa ata o cemiterio e mais fixéronse as beirarrúas. Sen embargo na última reunión da Asociación de veciños e consumidores de Vilaronte había novas propostas para mellorar esta zona, e que nos foron transmitidas os membros de “Foz, Plataforma de Futuro”. Como amosamos nunha foto que acompañaba a esta moción, podíase observar que a sinalización vertical que hai para sinalizar a entrada desta parroquia pode ser mellorada considerablemente. Así mesmo reivindícase por parte dos veciños e veciñas que se pinten os carrís da rúa do cemiterio e mais a rúa do atrio, así como que se pinte a zona de aparcamento na rúa do atrio e se sinalice para evitar o desorde que alí se produce. Ó mesmo tempo os veciños que transitan esta estrada quéixanse, que hai un cruce moi perigoso nesta estrada, concretamente o cruce que enlaza coa rúa que vai cara o Centro Social do Castro por falla de visibilidade, e o ser tan estreita para facer o xiro cara o cemiterio hai que meterse á cuneta, que cada vez é mais fondo o furado que alí se vai facendo.

Instamos ó Equipo de Goberno a:

– Mellorar a sinalización vertical que hai na estrada xeral que vai dende o cruce dos Camioneros dirección ferreira nos dous sentidos.
– Pintado dos carrís da estrada do cemiterio e estrada do atrio, así como o pintado dos aparcadoiros nesta última estrada para acabar co desorde que alí se produce.
– Mellora do cruce que enlaza a estrada do cemiterio coa estrada que vai dirección ó Centro social do Castro.

Esta moción foi aprobada cos votos favorables de toda a oposición e a abstención do Equipo de Goberno do PP.

No punto número 4 da orde do día figuraba a proposta de FPF para “Instar á Xunta de Galicia a mellorar para o ano 2018 a renda de inclusión social de Galicia”. A crise consolidou en Galiza un modelo que afondou nas desigualdades e na exclusión social: aumentaron os niveis e a duración do desemprego, aumentou a precariedade laboral e reducíronse os ingresos por fogar.
A taxa de risco de pobreza e exclusión chegaba en 2015 case ao 26% e a porcentaxe de persoas en exclusión material severa era do 4,2%, tendo aumentado durante a crise. O risco de pobreza e exclusión social é meirande entre familias monoparentais (53%), mocidade de 16 a 29 anos (36,4%) e menores de 16 anos (35,4%) – datos de 2014 -.
Se a pobreza severa afectaba en 2015 a 132.000 persoas, a RISGA foi percibida ese mesmo ano por 3.848 persoas (datos do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade).
Ademais, a RISGA é unha das rendas máis baixas do Estado (399 €/mes) e con menor cobertura (4,4 persoas beneficiarias por cada 1000 habitantes).
O 1 de xaneiro de 2014 entraba en vigor a lei 10/2013, do 27 de novembro, de Inclusión Social de Galicia, que modificaba a anterior da RISGA. Malia o aprobado na disposición derradeira da lei – “a Xunta de Galicia, nun prazo máximo de seis meses desde a publicación desta lei, elaborará as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento e aplicación” – , actualmente non se dispón dun decreto que a desenvolva. A falta de decreto regulador da lei provocou e provoca unha xestión opaca e restritiva da prestación: atrasos na tramitación, falta de criterios homoxéneos, control e burocratización excesiva, etc., que redundan nun afastamento das persoas en exclusión social do sistema.
Pola súa insuficiente contía, pola excesiva burocracia, pola falta de desenvolvemento dos tramos de inserción e transición ao emprego ou polos criterios restritivos na concesión da RISGA, esta renda amósase como unha ferramenta que non garante a inclusión social.

Instamos á Xunta de Galicia a:

1. Elevar en 2018 a dotación da RISGA, co obxectivo de igualala, canto menos, á media do conxunto do Estado.

2. Impulsar, antes do remate do ano 2018, a publicación do Decreto que desenvolva a Lei 10/2013, de 27 de novembro, de Inclusión Social de Galicia, de xeito dialogado cos sindicatos e coas asociacións e entidades que traballan sobre a pobreza e exclusión social.

3. Regular, no devandito decreto, os tramos de inserción e transición ao emprego.

4. Aumentar os Orzamentos da Consellería de Política Social en 2018 para garantir orzamento suficiente para o desenvolvemento da Lei de Inclusión Social.

Esta moción foi aprobada cos votos favorables de toda a oposición e a abstención do equipo de goberno do PP.

– No punto número 5 da orde do día figuraba a proposta de FPF para “Instar ó Concello de Foz ó adecentamento da Rúa Pena Parda en Marzán”. No barrio de Marzán, temos a rúa Pena Parda, que vai dende a Avda. de Viveiro ata a rúa que sube o Obispo Santo. Esta ten a particularidade de ser a vía de aceso ó apeadeiro de FEVE, estación esta usada pola maioría de persoas que utilizan este medio de comunicación para vir e marchar do noso pobo, así como, sobre todo a xuventude en temporada estival. Nos últimos tempos veciños e veciñas desta zoa nos transmitiron o seu malestar polo estado desta rúa no seu firme, así como pola falta de limpeza das cunetas, o que provoca que se acelere a degradación do firme desta rúa.

Instamos ó equipo de Goberno a:

-Instar ó Equipo de Goberno Municipal a adecentar o firme da Rúa Pena Parda, no barrio de Marzán, dende a Avda. de Viveiro ata a estrada que sube ó Bispo Santo.

-Instar ó Equipo de Goberno Municipal á limpeza de cunetas e tubos de entradas ás fincas para que as augas transcorran por ditas cunetas e non invadan a calzada.

Esta moción foi aprobada cos votos favorables de toda a oposición e a abstención do Equipo de Goberno do PP.

-No punto número 9 da orde do día figuraba a proposta do BNG para “solicitar o mantemento das liñas de transporte público por estrada”.Esta proposta levaba aparellados dous acordos que debía tomar o Pleno, por unha banda
-“Que o Concello de Foz se comprometera a colaborar economicamente para garantir a continuidade do servizo de transporte por estrada”, e por outra banda
-“Que o Concello de Foz esixa da Xunta de Galicia e da Consellería de transporte unha solución alternativa á supresión de liñas de transporte por estrada”.
Os Concelleiros de “Foz, Plataforma de Futuro” propuxemos unha emenda a esta petición do BNG e pedimos votar por separado estes dous puntos. A emenda foi aprobada cos votos favorables de toda a corporación, agás o BNG. A nosa formación por un lado está totalmente a favor de que se manteña o servizo público como ata a data ou inclusive se mellore todo o posible, como así o fixemos saber no Pleno e votamos a favor de que a Xunta de Galicia a través da Consellería de transporte de solución a este problema, xa que ten todas as competencias nel.
Pero votamos en contra de que sexa a conta das arcas municipais, é dicir, a conta dos veciños e veciñas do noso Concello, quen sufraguen as perdas da empresa privada que xestiona este servizo como pedía o BNG.
Votamos en contra por varios motivos:
-primeiro porque temos coñecemento de primeira man, que si a empresa que hoxe en día está levando o servizo deixa de xestionalo, hai empresas interesadas en collelo,
-en segundo lugar porque é competencia totalmente da Xunta de Galicia,
-en terceiro lugar porque inda que o concello de Foz aportara unha cantidade económica para sufragar estes gastos, hai moitos mais concellos que se aproveitan deste servizo tamén e non teñen porque pagar os veciños e veciñas de Foz e os de outros Concellos non,
-e o último motivo para votar en contra, é que o Concello de Foz non pode axudar a salvar o servizo que presta unha empresa privada con diñeiro público, porque seguro que hai mais empresas que prestan servizos públicos dentro do noso Concello que habería tamén que aportarlles diñeiro entón.

Exit mobile version