Os populares, que indican que “nos suscribimos a petición pública da plataforma de que un, dous ou os tres grupos políticos asumísemos as súas peticións para que foran levadas a pleno”, consideran que “o rexedor quedou en evidencia: nin se respectou o proxecto de obra por el aprobado en Xunta de Goberno o un de marzo, nin se respectou o informe da Policía Local de nove de maio, emitido logo de que a obra en Arcadio Pardiñas estivese practicamente executada”. Neste senso, subliñan que “o que se fixo é unha chapuza, ademais de suprimir dous dos pasos de peóns máis usados, e que levaban bastantes anos pintados. Agora resulta que as persoas con mobilidade reducida non poderán usar algún pasos de peóns e algúns aparcadoiros para eles reservados porque non se practicaron rebaixes nos bordillos das beirarrúas”, destacan.
Desde o GMP consideran que “o alcalde tampouco respecta aos veciños, sobre de todo a aqueles que apoiaron con total liberdade coa súa sinatura as peticións da plataforma de afectados”. A este respcto, precisan que ‘hai sinaturas que veñen do lonxano oriente’, ademais de ser un desprezo ás persoas que asinaron. É un exercicio de prepotencia e despotismo, pois encararse, como o fixo, cun sector do público, é un acto de chulería. É negarse a dialogar, como quedou evidenciado, o que demostra un autoritarismo e intolerancia que non se deben dar no exercicio da alcaldía”, remarcan,
Finalmente, os edís populares afirman que “no pleno de onte, puidemos ver realmente a forma de ser desta persoa. A careta caeulle; só lle queda abrazar ás farolas”, conclúen.