Site icon Crónica3.com A Mariña

Seguirá cortado ao tráfico por seguridade o viario do porto comercial de Ribadeo no que se rexistrou un derrube de terra hai uns días

Ribadeo, 24 de maio de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, visitou hoxe co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, a estrada que permanece cortada desde hai uns días tras rexistrarse un derrube de terra e pedras. Ese viario, situado no porto comercial de Ribadeo, aínda seguirá pechado ao tráfico ata que rematen as obras que alí se están a realizar.

O rexedor explicou que “esta visita de hoxe do presidente de Portos, que valoramos positivamente, foi para supervisar este desprendemento que caeu hai uns días e polo que temos esta parte baixa de Ribadeo, do casco vello, incomunicada”.

Fernando Suárez dixo que “entendemos, segundo os técnicos de Portos de Galicia, que teña que seguir así durante uns días máis, en tanto non se poña unha especie de valado de tripla torsión, uns valos metálicos. Ao mesmo tempo hai que eliminar unhas árbores que poden nun futuro inmediato ou non, non se sabe, pero por se acaso por unha cuestión precautoria hai que eliminalas”.

O alcalde subliñou: “a nosa comprensión é total nisto. A nosa colaboración é absoluta. Esperemos que canto antes se poida abrir á circulación e ao tráfico de vehículos todo este viario do paseo marítimo. Pero mentres tanto por unha cuestión de seguridade, sentíndoo moito, entendemos, comprendemos e asumimos tamén o que nos suxire Portos de Galicia”.

Exit mobile version