Site icon Crónica3.com A Mariña

Un hospital con investimentos, e tamén con nome

O cambio de nome do Hospital supón a defensa dunha comarca e dunha marca que é e debe ser A Mariña. En lugar de estancarnos no simple individualismo e localismo, é necesario traballar por un obxectivo común que ten que ser A Mariña.
Levamos esta iniciativa ao Parlamento de Galicia porque o Partido Popular sempre estivo, está e estará comprometido co Hospital Público da Mariña Lucense e o cambio de nome é un paso máis.
O Partido Popular sempre tivo como obxectivo primordial das súas políticas o Hospital Público da Mariña Lucense e outras formacións políticas non poden dicir o mesmo.
Deste modo, o traballo e a loita do Partido Popular polo Hospital Público da Mariña Lucense demóstrase co Diario Oficial de Galicia na man, non a través do titular dun xornal. O Goberno galego fala facendo con partidas orzamentarias destinadas á mellora da nosa sanidade pública.
A obra de ampliación e remodelación do Hospital xa está en marcha cun investimento total de 20 millóns de euros. 12,8 millóns de euros serán para esta primeira fase: a sala de oncoloxía para prestar os tratamentos de quimioterapia púxose en funcionamento en novembro do 2014 e, desde setembro de 2016, funciona durante toda a semana; o Servizo de Hospitalización a domicilio para enfermos crónicos ou terminais entrou en funcionamento en outubro de 2013 e, desde outubro de 2015 opera un segundo equipo con dous médicos e catro enfermeiros e, en maio de 2016 duplicou pacientes e funciona de luns a venres (mañá e tarde) e os fins de semana (polas mañás). Ademais, centralizouse o plan de detección precoz do cancro de mama; púxose en funcionamento unha segunda sala de endoscopias; implantouse o triaxe en urxencias e remodeláronse as salas de espera; levouse a cabo unha reforma integral da planta de maternidade… Así, ademais da ampliación e remodelación do Hospital, a Xunta de Galicia leva investidos máis de 2,2 millóns de euros nos últimos anos neste centro.
Estes son feitos que demostran a defensa da sanidade pública na nosa comarca e do Hospital Público da Mariña Lucense.
Pola contra, o nacionalismo, en concreto o BNG, dicía que íamos a pechar o Hospital e o Hospital segue a atender, con máis servizos e con máis comodidades, a todos os veciños e veciñas da Mariña. Tamén dicía que íamos convertelo nun centro de saúde e a ampliación e remodelación pódese visualizar por todos e cada un dos cidadáns e cidadás da nosa comarca. Por favor, non máis mentiras.
E, por outra banda, está o PSOE que aínda que teña un grave problema ideolóxico e de partido, isto non o exime de responsabilidade. Hai que lembrar que o alcalde de Burela, Alfredo Llano, votou en contra do PXOM e dicir non ao Plan era dicir non á ampliación e remodelación do Hospital. Recoméndolle ao PSOE que non defenda a sanidade pública poñéndose de perfil porque tamén hai que recordar que cando o Grupo Parlamentario Popular, na voz de José Manuel Balseiro, defendeu no Parlamento de Galicia a sala de quimioterapia, o PSOE abstívose.
A sanidade pública defendese con feitos, é dicir, co orzamento que está a permitir a ampliación e remodelación do Hospital Público da Mariña Lucense, así como posibilitar o aumento de servizos sanitarios ofertados no mesmo.
Seguirei a defender A Mariña como marca e dicindo con claridade que hoxe temos máis e mellor sanidade pública para todos os veciños e veciñas da nosa Comarca.

Daniel Vega Pérez
Deputado do Grupo Popular no Parlamento de Galicia

Exit mobile version