Nesta primeira edición do certame recibiron 21 propostas coas temáticas e estilos máis diversos. Segundo asegurou esta mañá Margarita ledo, o xurado valorou criterios como a existencia dunha voz propia e a actitude crítica, a independencia profesional, a perspectiva de xénero e a consciencia de pertenza a un determinado país, inspirados pola propia figura de María Luz Morales.
Premiados
O ferrolán Brais Romero gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Galego con Films From Galicia que ofrece unha visión crítica e combativa na marxinación do idioma galego na produción audiovisual galega e do que o xurado destacou a calidade na realización do videoensaio, cun tratamento sonoro moi expresivo.
A vilalbesa Denisse Lozano gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Internacional con A cámara perseguidora. Orixe e intención dos planos de seguimento que analiza un elemento estilístico e a súa relación co cine de intención social.
O coruñés Cibrán Tenreiro gañou o Premio ao mellor Ensaio Escrito Galego con Equilibrios precarios. Unha aproximación aos vídeos dunha escena underground galega (documento), polo enfoque novidoso dun tema pouco coñecido e polo rigor no tratamento.
A lucense Noelia Álvarez e a ourensán Nazaré Estévez recolleron o Premio ao mellor Ensaio Escrito Internacional con Análise da representación da muller no cinema español da última década (documento), que ven cubrir a necesidade dun discurso de xénero na análise do tratamento da muller no cinema español.
María Luz Morales
María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona 1980). Escritora e xornalista, especializada na crítica de cine e de teatro, dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller a actividade xornalística e intelectual na España do século XX. Mantivo a actividade xornalística ata os 91 anos de idade.