Site icon Crónica3.com A Mariña

A consellería de infraestruturas inclúe á mancomunidade na comisión de seguimento da liña do tren Ferrol-Ribadeo. A comunicación foi recibida este venres, segundo Alfredo Llano, que se amosa satisfeito

A Mariña, 9 de xuño de 2017. A Consellería de Infraestruturas comunicou á Mancomunidade de Municipios de A Mariña a súa inclusión na comisión de seguimento da liña de tren entre Ferrol e Ribadeo. Deste xeito os concellos mariñáns poderán participar a partir de agora nas xuntanzas informativas que se celebren.

O presidente da Mancomunidade de Municipios de A Mariña, Alfredo Llano, anunciou que “hoxe recibimos con moita satisfacción unha resposta do departamento de Ethel Vázquez, da Consellería de Infraestruturas”.

Llano lembrou que “nosoutros tíñamos solicitado que tivéramos a oportunidade de estar nas reunións que se están a facer para a mellora do tren na nosa comarca, de Ferrol a Ribadeo”.

O presidente da Mancomunidade subliñou que “xa nos contestaron de forma moi positiva, e xa contan con nós para formar parte da comisión de seguimento de todo o que teña que ver coa liña de Feve de Ferrol a Ribadeo, e imos pertencer a esa comisión, imos estar nas reunións que se convoquen”.

Alfredo Llano contou que “tamén me pasaron os informes de todo o que se leva feito nas reunións anteriores, os acordos aos que se chegaron, os investimentos que teñen pensado facer, cómo teñen pensado facer co servizo, etc…, e se non llelo pasaron ao resto dos concellos, vou informalos na próxima sesión plenaria da Mancomunidade de todo o que hai”.

Para Alfredo Llano “é boa cousa que conten con nosoutros para ir como concellos afectados que somos desde Viveiro ata Ribadeo. Agora esperamos aportar o que poidamos e que sirva para que este servizo se incremente e vaia para arriba. Estou contento porque se normalice esta situación e conten con nós como representantes dos concellos da Mancomunidade para algo que nos afecta tan de cheo como é o servizo do tren”.

Exit mobile version