A Escola de Imaxe e Son de Lugo da Fundación TIC ten aberto o prazo de preinscrición de matrícula gratuíta para o curso 2017-2018 ata o vindeiro venres, 23 de xuño. A EIS ofrece 40 prazas de primeiro nos Ciclos Superiores de Realización e Produción de Audiovisuais e Espectáculos. As titulacións necesarias para acceder ao único centro da provincia que imparte ensinanza da rama audiovisual son bacharelato, técnico medio ou superior ou universitaria.
O prazo de matrícula ordinaria permanecerá aberto do 4 ao 20 de xullo. O impreso necesario e resto de documentación pode descargarse na web da Fundación, para formalizar a tramitación na EIS, en horario de mañá, de 9.00 e 14.00 horas.
Formación gratuíta de calidade
A Deputación mantén a gratuidade da matrícula por décimo curso consecutivo para todos os alumnos e alumnas, agás os repetidores. Deste xeito, o organismo provincial aposta, un ano máis, por unha educación de calidade en igualdade de condicións. A Escola de Imaxe e Son de Lugo imparte 2.000 horas lectivas, distribuídas en dous cursos formativos, nos que se da prioridade ás prácticas en escenarios reais, de cara á inserción laboral dos futuros profesionais.