Site icon Crónica3.com A Mariña

A mancomunidade da Mariña convocará unha reunión para a vindeira semana co obxectivo de estudar xunto aos axentes da entidade e a FCAM posibles proxectos conxuntos de promoción turística

A Mariña, 8 de xuño de 2017. A Mancomunidade de Municipios da Mariña estivo presente na xuntanza sobre turismo convocada pola Xunta e que tiña lugar este mediodía en Lugo. O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, salientou que nese encontro se compartiron obxectivos comúns para traballar pola Mariña. E adiantou que a vindeira semana se reunirá cos técnicos da Mancomunidade e representantes da FCAM para seguir afondando nos posibles proxectos a desenvolver conxuntamente.

Alfredo Llano contou que esta mañá mantivo un encontro co responsable da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal Baamonde, e dixo que “na Deputación imos reunirnos en breve para establecer un programa, uns obxectivos comúns para traballar na Mariña”.

O presidente da Mancomunidade explicou que “estivemos tamén na reunión da Xunta de Galicia sobre turismo con representantes de diferentes sectores. Houbo un debate que hai que telo en conta porque son principios que tamén son de aplicación na comarca da Mariña. Hai unha cuestión na que si coincidimos todos e que eu quero salientar, que é o do turismo sostible, o turismo que estamos pensando para A Mariña. Hai intencionalidade clara desde as institucións, pero tamén polo sector privado de favorecer que o turismo sexa un ben común e ademais un ben económico de importancia transcendente para as comarcas da provincia de Lugo”.

Llano dixo que “hoxe os destinos están moi definidos, moi claros. O da Mariña é un xeodestino característico e concreto que debemos ofrecer como unha parte diferenciada e algo novidoso”.

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña adiantou que “o martes próximo imos facer unha reunión con técnicos da Mancomunidade e de turismo para ir xa buscando novidades e aplicacións. Tamén imos convocar á FCAM, a Federación de Comercio da Mariña, para establecer unha estratexia común que nos vaia ben a todos, e poder ir avanzando neste plan turístico, neste xeodestino da Mariña, porque pensamos que é algo que agora mesmo hai que aproveitar, é moi importante. Estamos nun bo momento para incentivar, promocionar e motivar que a xente se achegue á nosa comarca”.

Exit mobile version