Site icon Crónica3.com A Mariña

A mancomunidade estudará coa FCAM posibles proxectos de futuro no ámbito do turismo na reunión convocada para o 15 de xuño

A Mariña, 13 de xuño de 2017. Este xoves, 15 de xuño, ás 19:30 horas, terá lugar no Concello de Burela a xuntanza convocada pola Mancomunidade de Municipios de A Mariña para falar de turismo e dos posibles novos proxectos a levar a cabo nesta comarca. A este encontro está convocada a Federación de Comercio da Mariña (FCAM) e asistirán técnicos na materia da Mancomunidade e o seu presidente, Alfredo Llano.
Llano anunciou que “imos facer no Concello de Burela unha reunión coa FCAM, con responsables técnicos da Mancomunidade en temas de turismo, tamén invitarei a máis xente da Mancomunidade se quere vir para falar dos proxectos, dos programas que queremos facer no futuro en turismo. Nese encontro informarei da reunión que tivemos a pasada semana en Lugo da Axencia de Turismo, e tamén dos proxectos que podemos abarcar desde a Deputación provincial”.

O presidente da Mancomunidade pensa que “debemos ir enfocando o traballo para acadar un turismo estable e sostible na Mariña, que sexa fluído e permanente durante todo o ano, non soamente no verán, e buscar os mellores recursos e maneiras de atraer e ao mesmo tempo atender co máximo nivel á xente que veña por aquí”.

Alfredo Llano agarda que “esta reunión nos dea lugar para ir preparando cara ao ano que ven unha exposición ou evento que resulte ben para promocionar o noso turismo fora de Galicia, que poida chegar ao maior público. Queremos ir dando eses pasos para, unha vez que teñamos bastante claro o que queremos facer, invitar á Axencia Galega de Turismo e á Deputación para comentar con eles esta posibilidade de realizar un evento de turismo para a promoción da nosa comarca. Do que resulte xa informaremos, pero espero que sexa positiva a e nos dea pé para ir preparando un bo método de promoción do turismo para a comarca da Mariña”.

Exit mobile version