Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta e os concellos de Cervo e Xove, coa colaboración de Alcoa, inician a implantación do plan de emerxencia exterior no complexo industrial de San Cibrao

260617PlanemerxenciaAlcoaXove (Lugo), 26 de xuño de 2017.- A Xunta de Galicia e os concellos de Cervo e Xove, coa colaboración da empresa Alcoa, iniciarán a implantación do Plan de Emerxencia Exterior (PEE) para o risco de accidentes graves nas plantas de alúmina e aluminio no complexo industrial de San Cibrao.

A casa co concello de Xove acolleu hoxe a presentación do plan, na que participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; o presidente de Alcoa en España, Rubén Bartolomé; o subdirector xeral de Planificación e Protección Civil da Xunta, José Antonio Grandas; o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e o tenente alcalde de Cervo, Plácido Pérez.

Este plan ten como obxectivo previr e, no seu caso, mitigar as consecuencias de posibles accidentes graves que puideran producirse na factoría. Para logralo establece as medidas de protección mais idóneas, os recursos humanos e materiais necesarios e o esquema de coordinación das autoridades, órganos e servizos chamados a intervir.

Balseiro explicou que “para levar a cabo a implantación do plan, precísase da coordinación de todas as administracións e do titular das instalacións, para deste xeito dar a mellor resposta en caso de accidente maior”. Así mesmo, indicou que para finais deste mesmo ano está previsto a realización dunha campaña de información á poboación e a realización dun simulacro xeral.

Aposta pola prevención
Desde a Xunta de Galicia quérese destacar a importancia da aposta pola prevención, como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias. Os plans de emerxencias teñen como obxectivo determinar os posibles riscos das instalacións industriais e ter preparada a resposta axeitada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente.

As normativas europeas (directiva SEVESO) e estatal obrigan ás administracións públicas a elaborar e implantar planes de emerxencia nas instalacións que almacenan determinados produtos químicos a partir de certas cantidades umbrais.

Precisamente atendendo a esta esixencia, a Xunta de Galicia está a levar a cabo campañas de implantación de plans de emerxencias en todo o territorio da comunidade autónoma, como vén de facer na planta de Cepsa en Maside, onde o pasado 5 de maio realizouse con éxito un simulacro.

Exit mobile version