Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta ofrece unha vivenda á familia de Lourenzá que perdeu a súa casa nun incendio o pasado venres

Lourenzá (Lugo), 26 de xuño de 2017.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) ofreceu unha vivenda á familia de Lourenzá que perdeu a súa casa nun incendio o pasado venres.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou onte á familia afectada para poñerse á súa disposición e comprometeuse a estudar as medidas que se podían adoptar á vista da situación de inhabitabilidade en que quedara a súa vivenda.

Froito destas xestións, Balseiro comunicou hoxe mesmo á familia que existen dúas posibles alternativas. En primeiro lugar, o IGVS ofrécelles unha vivenda de promoción pública en Lourenzá, que lles sería adxudicada de xeito directo e inmediato.

A segunda proposta consiste en optar polo bono aluguer. Neste caso, a familia podería alugar calquera vivenda da súa elección e recibiría unha axuda da Xunta de 175 euros ao mes durante 3 anos.

O delegado lembrou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda -da que depende o IGVS- habilita recursos “para atender con dilixencia casos de emerxencia como o que sufriu a familia de Lourenzá”.

Exit mobile version