Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta pon en valor os valores do cooperativismo na entrega de premios ao CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros

Barreiros (Lugo), 23 de xuño de 2017.- A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na entrega de premios do certame Cooperativismo no ensino ao CEIP San Miguel de Reinante que resultou gañador de tres galardóns ao mellor traballo cooperativo nas categorías de 1º e 2º de Educación Primaria co proxecto Cooperativa; 3º e 4º de Educación Primaria con Coope-Folk; e 5º e 6º de Educación Primaria con Non pases palabra, coopera! Ademais, obtiveron no concurso que desenvolveu a Consellería de Economía, Emprego e Industria dous accésits: na categoría de 2º ciclo de Educación Infantil por Encaixamos e na de 3º e 4º de Educación Primaria por En busca do tesouro.

Os alumnos e alumnas recibiron en total 8.000 euros (2.000 euros por cada premio ao mellor traballo cooperativo e 1.000 por cada accésit) que poderán empregar na adquisición de material escolar ou na realización de actividades formativas.

Toca felicitou aos rapaces polos traballos realizados e destacou que con esta iniciativa a Xunta fomenta entre o alumnado os valores e principios que inspiran o cooperativismo como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.

A secretaria xeral de Emprego tamén salientou o esforzo e implicación do profesorado que se encargou da coordinación destes proxectos e puxo en valor a importancia de participar neste tipo de actividades que promoven o traballo en equipo, a colaboración e o esforzo por alcanzar un obxectivo común. Son todos eles valores que se transmiten co cooperativismo, unha fórmula empresarial que, segundo engadiu Toca, o Goberno galego está impulsando con diversas actuacións como son a Lei de Economía Social, a Estratexia do cooperativismo ou da Rede Eusumo, formada por 191 entidades para fomentar este modelo de negocio que demostrou a súa fortaleza fronte á crise.

Tras a entrega dos galardóns, un centenar de alumnos e alumnas de infantil e primaria do centro desfrutaron da compañía teatral Xarope Tulú, que representou a súa obra Cardume, un espectáculo que combina a narración oral coa música en vivo, no que o público participa converténdose en ocasións en protagonista. A obra achega historias onde as personaxes traballan xuntos para acadar os seus soños, promovendo os valores que fomenta o cooperativismo.

Con este acto, ponse punto e final á entrega de premios de Cooperativismo no ensino, que forma parte das actividades que está levando a cabo a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración co Consello Galego de Cooperativismo, para celebrar o mes do cooperativismo en Galicia co obxectivo de difundir as vantaxes desta fórmula empresarial e que rematará o 1 de xullo coa entrega de Premios á Cooperación 2017.

Neste certame tamén resultaron galardoados o IES Pino Manso do Porriño (Pontevedra); o CEIP plurilingüe Domaio de Moaña (Pontevedra); o IES Sanxenxo de Portonovo (Pontevedra); o CPI Monte Caxado das Pontes (A Coruña); o IES Monte Neme de Carballo (A Coruña); e o CEIP Sestelo Baión, en Vilanova de Arousa (Pontevedra).

Cooperativismo en movemento
Outra das actividades que se está desenvolvendo é o programa Cooperativismo en movemento co que se leva ás vilas galegas as vantaxes das cooperativas cunha exposición e a través da actuación do monologuista Marcos Pereiro. Esta campaña xa percorreu as localidades de Foz e Chantada, en Lugo; Pontevedra e Vilanova de Arousa, en Pontevedra; Porto do Son, na Coruña; e remata mañá no Carballiño, en Ourense.

Por último, o 30 de xuño, terá lugar unha xornada de portas abertas co obxectivo de que as cooperativas poidan mostrar o seu labor á cidadanía. Esta programación rematará o 1 de xullo coa celebración do Día do Cooperativismo en Galicia.

Exit mobile version