Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberto o prazo para estudar nun dos mellores Campus de España con descontos do 50% na matrícula

Lugo, 19 de xuño de 2017. Aberto o prazo de preinscrición para estudar nun dos mellores Campus de España, como é o Campus Terra de Lugo, tal e como o recoñeceu o U-Ránking, que é a última enquisa sobre a calidade dos estudos de grao no país. Dentro da súa aposta polo acceso universal á educación pública de calidade, o Goberno da Deputación ofrece a primeiros estudantes da universidade lucenses becas coas que financiarlles a metade da matrícula de 10 titulacións. Os interesados teñen de prazo ata o 3 de xullo para preinscribirse e solicitar o desconto do 50% dos custos, que asume o Executivo Provincial. Toda a información en www.paraestudarlugo.com, así como en www.usc.es e www.deputacionlugo.gal.

As 10 titulacións nas que o Goberno da Deputación ofrece becas para financiar o 50% dos custos da matrícula son as seguintes:

• Grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais
• Grao en Enxeñaría Civil
• Grao en Enxeñaría en Xeomática e Topografía
• Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria
• Grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural
• Grao en Lingua e Literatura Españolas
• Grao en Ciencias da Cultura e Difusión cultural
• Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos
• Grao en Xestión de Pequenas e Medianas Empresas
• Grao en Administración e Dirección de Empresas

O ano pasado, máis de 250 estudantes se beneficiaron das bolsas de estudo do Goberno da Deputación no Campus Terra.

Lugo como cidade universitaria
Estas bolsas de estudo enmárcase dentro da campaña de promoción do Campus Terra e de Lugo como cidade universitaria, que Deputación e USC puxeron en marcha por cuarto ano consecutivo. Baixo o nome Para estudar, Lugo, a campaña remarca os seguintes aspectos da universidade e capital lucense:

1.- a súa completa oferta formativa, que permite a especialización, pois o Campus Terra ofrece 15 graos e 3 dobres graos das 4 ramas do saber: Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, e Enxeñería e Arquitectura.

2.- O seu carácter internacional, cando a universidade lucense xa conta con alumnos de 20 nacionalidades distintas.

3.- Campus multilingüe, pois o Campus Terra os alumnos rematan a súa titulación cun nivel, como mínimo, de B1 nunha lingua estranxeira.

4.- A calidade de vida de Lugo e o bo acoller de todos lucenses, como así o apuntan 9 de cada 10 estudantes do Campus Terra.

5.- E a súa excelencia, cando se sitúa entre as mellores universidades de España e ata de Europa, como a Facultade de Veterinaria.

Resultados da campaña
Grazas ás tres anteriores edicións da campaña Para estudar, Lugo, o Campus Terra pasou dun nivel de ocupación do 63% no 2013 ao 71% que ten na actualidade. O número de estudantes nas 10 titulacións con descontos no custo da matrícula aumentou nun 9%. Hai casos moi significativos, con graos que se cubriron. Por exemplo, Enxeñería de Procesos Químicos Industriais pasou de ter 18 a 47 alumnos, e Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria de 30 a 45, estando en ambos os dous casos completos este ano.

Exit mobile version