Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Villares: “buscar a eficiencia non pode conducirnos a unha perda de identidade dos nosos territorios”

28 de xuño de 2017.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, inaugurou esta mañá en Madrid, como Presidente da Comisión de Medio Ambiente da FEMP, unha xornada sobre a tecnoloxía e o control de calidade dos servizos públicos, que se está a desenvolver na Universidade Carlos III, en Leganés, organizada pola propia Federación Española de Municipios e Provincias.

Nestas xornadas relatáronse experiencias no campo da aplicación das tecnoloxías dispoñibles para unha mellora da eficiencia, eficacia e a calidade dos Servizos Públicos, en grandes cidades, como Madrid, Santander, Sevilla ou Barcelona.

Na súa intervención, Villares fixo fincapé no concepto da Nova Xestión Pública, que persegue o reto de crear unha administración eficiente e eficaz, capaz de satisfacer as necesidades reais dos cidadáns, ao menor custe posible, promovendo á vez o desenvolvemento de servizos de maior calidade.

E neste contexto, cobra especial relevancia a tecnoloxía e as súas multiples aplicacións no control de calidade dos servizos públicos, en consonancia e ao servizo do medioambiente; que resulta decisiva para conseguir optimizar os nosos recursos humanos, materiais e/ou económicos, ofrecendo, en termos xerais, un mellor e máis rápido servizo ao cidadán.

Neste punto, Villares quixo incidir en que “esa eficiencia hai que conseguila mantendo a identidade e a idiosincrasia dos nosos territorios, fundamentalmente en casos como o de Galicia, que aglutina a metade de núcleos de poboación de toda España; porque se nos obsesionamos cunha eficiencia desmedida á hora de prestar servizos; iso podría ter consecuencias negativas para os nosos núcleos, e que, chegado o momento, deixaran de existir; algo que non nos podemos permitir”.

Villares tamén introduciu o concepto da ecoeficiencia, chave para garantir o uso prudente dos recursos naturais, para que estes poidan ser explotados indefinidamente, favorecendo o reciclado e o consumo responsable.

Villares apuntou tamén que os Concellos pequenos non deben deixar pasar o tren das novas tecnoloxías, que, aplicadas correctamente, poden influír decisivamente no control da calidade e conducirnos á obtención da ansiada excelencia na prestación dos servizos públicos, sen poñer en risco, insistiu, os nosos núcleos e o benestar dos nosos veciños”.

Exit mobile version