Site icon Crónica3.com A Mariña

APAGA presentou o proxecto “impulso a la empleabilidad” que permite aos alumnos facer prácticas en empresas europeas. Nestes momentos hai catro rapaces en Italia e Portugal participando nesta acción

010617 Foto Apaga novo proxecto 2Ribadeo, 1 de xuño de 2017. A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) presentou hoxe o proxecto Impulso a la empleabilidad no que está a traballar na actualidade. O obxectivo deste programa é axudar aos alumnos na adquisición de coñecementos, habilidades e competencias para lograr o seu desenrolo persoal e profesional, e acadar maiores niveis de empregabilidade no mercado do traballo europeo e fora del. O proxecto inclúe saídas formativas a Italia, Alemania, Croacia, Francia e Portugal, e nel participan catro centros de ensino galegos e outros de Murcia, Pamplona, Avilés e Madrid.

O presidente de APAGA, Álvaro Doural, explicou que “é un proxecto dentro do marco da Erasmus + que se denomina impulso á empregabilidade. É un proxecto a dous anos que empezou en xaneiro deste 2017 e rematará o 31 de decembro de 2018. Ten uns obxectivos moi claros. Por unha parte, impulsar a mellora das competencias lingüísticas, potenciar as redes internacionais de distintas institucións educativas e empresariais, e desde logo ser un elemento complementario á formación que se está levando a cabo nos centros educativos de FP”.

Doural dixo que “este proxecto está ideado para alumnos de formación básica e de grao medio da familia de transportes e mantemento de vehículos. Supón unha serie de estancias formativas dun mes en Italia, Alemaña, Francia e Portugal durante o 2017 e 2018.Está feito a través dun consorcio con oito centros educativos de Galicia, Murcia, Pamplona, Avilés e Madrid. Aquí de Galicia temos o centro integrado Coroso de Ribeira, o centro integrado Ferrol Terra, o IES Daviña Rei de Monforte e o IES de Chantada”.
O presidente de APAGA subliñou que “este proxecto tamén leva consigo unhas mobilidades de técnicos de empresas estranxeiras para impartir docencia nos centros españois. Son estancias de cinco días que van permitir que técnicos de Alemaña e Italia estean aquí nestes dous anos que dura o proxecto. Xa está posto en marcha porque hai dous alumnos do centro integrado de Avilés que están en Italia neste momento nunha empresa de carrocería, e tamén do IES Val do Asma de Chantada hai dous alumnos de formación básica en Lisboa. Ao longo do que queda deste ano, posiblemente nos meses de setembro, outubro e novembro, van saír outros alumnos tamén a facer estancias formativas, e durante o 2018. En Italia para estes dous anos hai 12 prazas, en Alemania 4, en Croacia 4, en Francia 4 e en Portugal 8”.
Álvaro Doural manifestou que “as axudas económicas do Erasmus + cubren o gasto de desprazamento, de manutención e estancia para o alumnado. Estamos aproveitando a rede que ten a asociación na Unión Europea e a través dela en Italia, Alemaña, Croacia, Francia e Portugal. É un plan de sostenibilidade despois dos proxectos que se fixeron de mobilidade de profesores. Danos a posibilidade de manter ese tipo de relación con estes socios europeos de poder enviar alumnos fora”.

Para o presidente de APAGA “trátase dun pequeno proxecto, pero cando remate haberá que avaliar os resultados. En principio as catro mobilidades que están en marcha están funcionando ben. Son socios que levan moito tempo de contacto con nosoutros e o grao de satisfacción dos alumnos é alto, están moi contentos. No caso de Portugal houbo un ofrecemento da empresa para que se querían quedarse alí os contrataban”.

Doural declarou que “se están intentando facer as cousas o mellor posible, pero as estancias formativas de alumnos sempre son máis complexas. Uniuse agora un novo centro ao consorcio, o centro Raúl Vázquez de Madrid, que é un dos centros integrados máis grandes que hai neste país porque ten desde ciclos de aviación ata ciclos de trens e de todo, é un centro exclusivamente dedicado á familia de mantemento de vehículos”.

No acto de presentación, celebrado no hotel O Cabazo, estiveron xunto a Álvaro Doural outros directivos de APAGA como Isidro Berdeal e Francisco Javier Rodríguez Fanego

Exit mobile version