Site icon Crónica3.com A Mariña

As forzas de seguridade intensificarán as labores de vixianza durante o Resurrection Fest de Viveiro

Viveiro (Lugo), 13 de xuño de 2017.- O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, copresidiron esta mañá a reunión da xunta local de seguridade do municipio, na que se abordou o dispositivo que se disporá durante a vindeira celebración do Resurrection Fest, do 5 ao 8 de xullo.

Na xuntanza deuse conta do servizo de seguridade da organización do evento, e comprometeuse a que, como en anos anteriores, este servizo sexa reforzado polos efectivos de Policía Local, coa colaboración de Policía Nacional e Protección civil, para garantir que todo transcurra sen incidentes. Os axentes dos distintos corpos policiais intensificarán as labores de vixianza para velar polo mantemento da orde pública e previr a comisión de posibles feitos delictivos na localidade.

Colaborarán tamén neste plan efectivos do Servizo Marítimo da Garda Civil, dada a proximidade das zonas de concertos e de acampada á ría de Viveiro, así como do Subsector de Tráfico da Garda Civil, que controlarán os accesos á localidade e ás inmediacións do recinto onde se celebra o festival, para velar pola fluidez do tráfico e para garantir a seguridade nas estradas.

O operativo de Policia Local, Nacional e Protección Civil manterase durante toda a tempada de verán, cando a Cidade do Landro ve multiplicada a súa poboación habitual, prestando especial atención aos areais e a outros eventos festivos multitudinarios, como é a romaría do Naseiro.

SITUACIÓN DELINCUENCIAL

A xunta local de seguridade analizou tamén a situación delincuencial en Viveiro no que vai de ano, destacando que, segundo os datos oficiais, os delitos mantéñense nos mesmos niveis do mesmo período do ano anterior. A pesar desta estabilidade da delincuencia salienta o descenso dos delitos contra as persoas, os delitos por roubos con forza e as denuncias por violencia de xénero. En toda a anualidade, a Policía Nacional detivo no concello de Viveiro a 51 persoas (44 delas pola súa presunta implicación nalgún feito delictivo)

CHARLAS PARA ESCOLARES

O subdelegado do Goberno informou tamén na xuntanza desta mañá do traballo realizado en Viveiro ao amparo do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos e as súas contornas, deseñado pola Secretaría de Estado de Seguridade co fin de reforzar a educación, a prevención e a vixilancia nos centros escolares. Este obxectivo perséguese poñendo a disposición dos centros a asistencia técnica que precisen para axudar a previr e abordar os episodios graves que poidan ameazar a convivencia escolar, así como axudando a mellorar o coñecemento de alumnado, pais e profesores sobre os problemas de seguridade que afectan aos menores.

Ao longo do actual curso, 2016-2017, impartíronse en centros educativos de Viveiro un total de 44 charlas, que trataron sobre o acoso escolar, os riscos de internet, a violencia de xénero e os perigos do alcohol e as drogas.

Na xunta de seguridade participaron hoxe, xunto o subdelegado do Goberno e a alcaldesa, representantes da Policía Nacional, a Garda Civil, o Subsector de Tráfico, o Servizo Marítimo Provincial, a Policía Autonómica e a Policía Local.

Exit mobile version