Site icon Crónica3.com A Mariña

As nacionalistas critican que o Alcalde de Foz ordenase a corta dos magnolios de Xoán Montes

Foz, 24 de xuño de 2017. O Bloque Nacionalista Galego quere saír ao paso das últimas actuacións executadas no marco das obras de humanización da Avenida da Mariña e de xeito moi particular da corta dos magnolios de Xoán Montes, do cambio dos plans de traballo anunciados polo Alcalde de Foz, así como dos problemas que estas están xerando ao facelas coincidir co período de verán. Segundo Lorena Seivane e Teresa Rego hai “unha falta de previsión evidente por parte da Alcaldía ao facer coincidir estas obras coa época estival, momento do ano en que como consecuencia do aumento da poboación na vila, independentemente da execución de obras, se producen problemas de tránsito. A maiores dos problemas xerais para o conxunto dos veciños de Foz, non debemos esquecer os graves prexuízos que se lles crea aos comercios da localidade, dependentes en boa medida das vendas do verán para garantir a súa viabilidade”.

As concelleiras nacionalistas consideran “particularmente desafortunado que por parte do Goberno Local se procedese a cortar os magnolios que levaban máis de 20 anos plantados na Rúa Xoán Montes. Non nos vale a escusa do Alcalde de que esta é unha árbore pouco apropiada para un espazo urbano polas súas características biolóxicas, xa que este argumento utilizase por primeira vez agora cando se están a acometer as obras. A máis non é certo que sexa necesario proceder a súa corta para posibilitar o tráfico pola Rúa Xoán Montes, xa que as farolas instaladas nesta mesma rúa están aliñadas á mesma altura que as árbores e non van ser retiradas. Abondaba, se se quería facilitar o tráfico rodado na rúa, que se procedese a súa poda no fronte que dá á calzada. Ao fin esta actuación non demostra máis que a falta de sensibilidade do grupo de goberno cara o noso patrimonio”.

Lorena Seivane e Teresa Rego entenden “escandalosas as declaracións do Alcalde nas que anuncia que se van cambiar os plans de traballos inicialmente previstos para Avenida da Mariña, procedendo a executar nos meses de verao o tramo entre Xoán Montes e a Glorieta de Vilalba en contra do previsto, isto é entre García Lorca e Xóan Montes. Trátase dun claro trato de favor en beneficio duns poucos negocios, concretamente dos dous supermercados da rúa, e dun prexuízo para a maioría do comercio. O colmo do descaro chega cando o Alcalde explica esta decisión sen ningún tipo de rubor argumentando que “imos deixar libre durante todo o verán a zona intermedia, a dos supermercados”. A maiores é unha decisión absolutamente irracional, xa que na zona entre García Lorca e Xoán Montes sitúanse 6 negocios, mentres que entre Xoán Montes e a Gorieta de Vilalba atópanse 21, sendo este último tramo da Avenida da Mariña o que concentra máis negocios de todo Foz. Se o Alcalde recoñece que as obras causan problemas para o comercio, por que non ten en conta os negocios deste tramo? Que diferenza hai entre estes 21 comercios claramente prexudicados e os doutro tramo? Non pagan exactamente igual estes negocios os seus impostos en Foz como os supermercados dos que fala o Alcalde?”

O Bloque Nacionalista Galego urxe ao Alcalde a que antes de proceder a modificar a orde dos traballos na Avenida da Mariña manteña unha reunión cos veciños e cos comercios afectados a fin de buscar unha solución que non xere agravios e tratos de favor e que provoque os mínimos prexuízos posíbeis. No caso de que a Alcaldía non acepte esta proposta e siga a manter a súa actitude prepotente en relación co asunto, o BNG forzará a convocatoria dun plano extraordinario para forzar unha solución que teña en conta a opinión dos veciños e dos comercios de Foz.

Exit mobile version