Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro explica que a provincia duplicou a cifra de establecementos e prazas de aloxamento nos camiños dende 2009

270617RPAloxamentosCaminoLugo, 27 de xuño de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou hoxe que a provincia de Lugo duplicou a cifra de establecementos e prazas de aloxamento no entorno dos Camiños de Santiago dende o ano 2009.

Balseiro destacou “a puxanza que está a adquirir o fenómeno xacobeo na provincia”, e engadiu que “o notable incremento da actividade turística reflicte o efecto dinamizador das rutas e o impulso que supoñen para a economía local”.

En concreto -apuntou-, hai rexistrados 445 establecementos que suman 14.877 prazas nos 24 municipios lucenses atravesados polos Camiños. No ano 2009, a oferta limitábase a 292 establecementos e 7.357 prazas.

O Camiño francés segue a ser o que rexistra os mellores datos; conta con 198 establecementos e máis de 5.800 prazas, triplicando con creces as que se contabilizaban no ano 2009 nos oito municipios polos que discorre: Monterroso, Palas de Rei, Pedrafita do Cebreiro, Portomarín, Samos, Sarria, Triacastela e Paradela.

De todos modos, afirmou Balseiro, “a declaración dos Camiños Norte e Primitivo como Patrimonio Mundial no verán do ano 2015 resultou fundamental no crecemento destas rutas, e fíxose sentir especialmente no Camiño Norte”.

Esta ruta atravesa os concellos de Trabada, Abadín, Barreiros, Begonte, Friol, Guitiriz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo e Vilalba, e conta con 132 establecementos e máis de 5.000 prazas (un 40% máis que no 2009).

Polo que respecta ao Camiño Primitivo, suma 113 establecementos e preto de 4.000 prazas, o que representa incrementos do 40% e 43% respectivamente respecto ás cifras do 2009. Esta ruta atravesa os concellos de Baleira, Castroverde, A Fonsagrada, Guntín, Lugo e Palas de Rei.

Neste sentido, cabe lembrar que está moi avanzada a rehabilitación da casa Pasarín, na Fonsagrada, para o seu uso como albergue, grazas a unha intervención na que Turismo de Galicia investiu preto de 530.000 euros e que sumará 42 prazas de aloxamento máis.

O delegado explicou que neste estudo sobre o incremento de prazas non se tivo en conta o Camiño de Inverno porque a súa recente declaración como ruta oficial non permite avaliar o impacto que tivo no sector turístico da zona.

No que vai de ano chegaron a Compostela máis de 106.000 peregrinos, o que supón máis dun 10% máis que no mesmo período do ano pasado, co que se mantén a tendencia á alza dos últimos tempos a piques de rematar o primeiro semestre do ano. Cabe subliñar que máis dun 65% dos peregrinos recibidos ata o momento foron estranxeiros.

Por itinerarios, o Camiño Francés continúa á cabeza no número de peregrinos recibidos, con máis do 61%. Elixiron o Camiño Norte case o 5% dos peregrinos e o Primitivo máis do 4%.

Así mesmo, nos primeiros cinco meses do ano o punto de información do Cebreiro, na entrada do Camiño Francés en Galicia, recibiu 6.465 visitas. No caso do centro do Camiño Primitivo, localizado na cidade de Lugo, a cifra de persoas atendidas foi de 2.958. Mentres, o Centro de Interpretación do Camiño Norte, no concello lugués de Mondoñedo, contabilizou 1.557 visitas.

Exit mobile version