Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro súbese ao tren dos faros, unha experiencia turística “coa que redescubrir a costa dende outra perspectiva”

image1Ribadeo (Lugo), 24 de xuño de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, realizou hoxe parte da viaxe do tren da Ruta dos faros, incluída no programa de trens turísticos que promoven Turismo de Galicia, Renfe e o Inorde -organismo dependente da Deputación de Ourense-.

A ruta comeza en Ferrol e chega ata Ribadeo, onde se ofrecen visitas guiadas ao faro de Illa Pancha e á praia das Catedrais. Balseiro subliñou que se trata dunha experiencia turística de calidade “coa que redescubrir a costa dende outra perspectiva, xa que o percorrido en tren proporciona paisaxes e localizacións que por outros medios resultan inaccesibles”.

O delegado afirmou que o programa de trens turísticos, que se desenvolverá ao longo de todo o verán, “combina o entorno natural e urbano co patrimonio cultural e a gastronomía, nunha proposta atractiva que sirve ademais para fomentar o turismo sostible”.

Neste sentido, subliñou “o éxito espectacular desta iniciativa, que naceu no 2013 con dúas rutas e alcanza 11 na presente convocatoria”. E referiuse “moi especialmente ao éxito da Ruta dos faros, que “é das máis demandadas”, rexistrando o pasado ano un 100% de ocupación, case 12 puntos por riba da media do programa.

A Ruta dos faros ten previstas saídas todos os sábados do verán ata o 23 de setembro, sumando en total 16 percorridos. Comeza en Ferrol e hai buses gratuítos de achegamento á estación dende A Coruña.

O tren fai a primeira parada para visitar Cabo Ortegal, a serra da Capelada, o cantil Vixía Herbeira e Santo André de Teixido. Posteriormente, os viaxeiros trasládanse en autobús para visitar Estaca de Bares e O Barqueiro. Pola tarde realizan en tren o traxecto entre O Barqueiro e Ribadeo; logo de visitar en autobús Illa Pancha e As Catedrais, regresan en autobús o a Ferrol.

As persoas interesadas poden consultar os horarios e o programa completo na web de Turismo de Galicia, no seguinte enderezo:
http://www.turismo.gal/docs/mdaw/mjkz/~edisp/turga293219.pdf?langId=gl_ES

A provincia de Lugo conta con outras dúas ofertas: a Ruta Lugo Romano, que permite visitar o casco histórico de Lugo e o balneario; e a Ruta dos viños da Ribeira Sacra, na que hoxe precisamente participou tamén a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Exit mobile version