Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela prepara os seus areais para a tempada estival

150617 Foto tractor praias 2Burela, 15 de xuño de 2017. As praias de Burela contan con novo material, segundo ven de anunciar o concelleiro de Obras e Turismo, Ramiro Fernández Rey. Hoxe comezou a traballar o tractor que limpa os areais e o Concello tenta mercar unha nova cadeira anfibia para facilitar o acceso ás praias das persoas con mobilidade reducida.

O edil socialista subliñou que “hoxe empezou a traballar o tractor limpa praias, que era un dos compromisos que adquiriu a empresa concesionaria do servizo de limpeza, Geseco, cando se fixo co contrato de limpeza de Burela”.

Fernández Rey lembrou que “era unha cousa que xa estaba así marcada na anterior concesionaria e foi un dos motivos polos cales tamén decidimos proceder á rescisión do contrato porque foi un dos incumprimentos que facía ano tras ano. Foi este equipo de goberno o que deu o paso de rescindir o contrato e xa vemos que foi unha boa medida, porque esta empresa está cumprindo co compromiso que era un obxectivo prioritario, que era o tema das praias”.

O concelleiro de Obras e Turismo sinalou que “ademais disto cambiáronse os vestiarios para a xente na Marosa e na praia urbana, e melloramos o sistema de xestión de residuos en colaboración coa Delegación de Medio Ambiente e coa empresa Geseco. E tamén se cambiou a cartelería que había nos areais, porque estaba totalmente anticuada”.

Ramiro Fernández Rey dixo: “estamos pendentes de intentar adquirir unha cadeira anfibia para persoas con problemas de mobilidade. O obxectivo é que poidan acceder ás praias coa axuda deste material. A que temos está deteriorada, non vale para traballar, e estamos vendo a posibilidade de adquirir unha nova. Ademais de mellorar tanto o sistema de socorrismo con novos equipos como os equipos de primeiros auxilios que teñen os propios socorristas. Estamos mirando de renovar moito material e de adquirir material novo que non había ata o de agora”.

O concelleiro burelés engadiu: “este é un compromiso que xa tíñamos desde que entramos a gobernar e que imos cumprindo. Entendemos que agora mesmo as praias de Burela son uns areais que teñen uns servizos acordes a calquera praia que poida haber en Galicia”.

Ramiro Fernández Rey agarda que “as nosas praias conten con servizo de socorrismo o día 1 de xullo. Seguimos á espera de que a Xunta de Galicia nos comunique cántos nos concede. O tempo vai pasando e xa estamos a 15 de xuño”.

Exit mobile version