O Banco Popular Español xa viña padecendo tempo atrás de moitas eivas que levaron á entidade a ter que improvisar para non afundir. Cando rebentaran as caixas de aforros a situación dalgún banco, daqueles que tiñan un importante activo de participación inmobiliaria, pasou a ser crítica.
Así, no pasado ano 2012, fusionáranse o galego Banco Pastor co Banco Popular co obxecto de ir achicando e manter a flote unha embarcación que xa amagaba co naufraxio.
Cumpríronse tódolos presaxios e o fundimento non tivo precedente: a venda do Banco Popular ao Santander. E non hai referencia previa porque se trata da primeira operación levada a cabo baixo as normas de resolución de entidades bancarias da UE.
O Banco Central Europeo, no exercicio da súa competencia de supervisión bancaria dentro da UE, tomou o control do Banco Popular. O primeiro banco intervido pola UE por risco de quebra.
Dos termos concretos da operación quedará na memoria colectiva o anecdótico prezo de 1 €, supeditado a unha posterior ampliación de capital no vindeiro mes de 7.000 millóns de euros. Polo medio as declaracións da alemana Elke König e do ministro Guindos avalando a operación e aludindo á protección dos depositarios do banco Popular.
E despois da tormenta, ¿onde quedamos todos?
No tocante aos depositantes, consumidores con conta ou aqueles que son beneficiarios dun préstamo estarían cubertos polo Fondo de Garantía de Depósitos. A súa situación non se vería alterada polo proceso.
Con respecto ás persoas que contrataran fondos de inversión ou dispuxeran de plans de pensións, a pesar de non estar cubertos, estarían fora do balance da entidade, polo que non se verían afectados.
E finalmente quedan os 300.000 accionistas, -entre eles a histórica Fundación Barrié de la Maza e os seus traballadores co futuro no aire- que perderán a totalidade da súa inversión por entender que esta foi amortizada.
O prognóstico, hai escasos días, a propósito dun colapso dos xulgados ao respecto das cantidades reclamadas polas cláusulas de chan das hipotecas, colle a máis escura das cores coa venda do Popular.
E para rematar non pode obviarse un feito que puidera servir de peche a todo o exposto: a intervención do Banco Popular fai saltar polos aires as receitas neoliberais aplicadas polos Bancos Centrais durante a crise. É unha evidencia práctica que as propostas do BCE e do Banco de España, no tocante á reestruturación e fusión de entidades, están redundando no debilitamento do sistema financeiro e en detrimento dos consumidores.