Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. Memoria perenne

Que o tempo que nos tocou vivir non destaca pola súa amabilidade é unha evidencia; poida que ningún tempo pasado tampouco o fora. Sociedade dixital, relacións 2.0 o teletransporte coma unha realidade próxima, e o mesmo vello planeta berrando con vehemencia polo maltrato medioambiental, o mesmo hemisferio sur que morre de fame e as mesmas guerras imperiais. Novos tempos, vellas historias.
Hoxe tamén, ó igual que onte, hai honrosas excepcións, persoas que nos reconcilian coa especie. Unha delas era Carlos Slepoy.
¿Quen era o tal Slepoy? Poida que a algún dos xentiles lectores se lle escape o seu nome mais tampouco debera ser motivo de preocupación, a historia é unha ciencia social que sempre esquece ós seus auténticos protagonistas. Meu pai sempre me dixo que era porque a escribían os gañadores, se está no certo de seguro esa é a causa da nosa amnesia.
Pero o noso protagonista non quería esquecer e por iso asistiu como avogado a vítimas das ditaduras arxentina, chilena, guatemalteca e española ó longo de catro décadas.
Quen sabe, igual ata tiña algún xen galego porque naceu en Bos Aires pero, aló polo ano 1979, e tivo que facer o camiño de volta: fuxía de Videla e exiliábase no noso país, el mesmo fora detido, encarcerado e torturado.
Cando aterrou en España, Slepoy puido comprobar na súa propia pel que a violencia e a barbarie non teñen patria; foi aló polo 1982, naquel Madrid democrático, cando no seu intento por defender a uns rapaces que estaban a ser agredidos por un policía recibiu un disparo polas costas. O miserable foi condenado a 6 anos de prisión por asasinato en grado de tentativa, o noso protagonista quedou con graves secuelas que o acabarían sentando nunha cadeira de rodas.
Anos máis tarde, aló polo 1998, o avogado dos crimes de lesa humanidade choraba de emoción porque a sala do penal da Audiencia Nacional declarábase competente para xulgar a Augusto Pinochet.
Carlos Slepoy deixounos o 17 de abril do ano en curso. Un fallo multiorgánico derivado das lesións que xa padecía fixérono capitular, pero, ó igual que nos procesos, nunca se resignou, sempre esgotou o último recurso, tiña claro, por propia experiencia, que na vida pérdese moitas máis veces das que se gaña.
Este luns día 26 de xuño as fillas do avogado acudiron á homenaxe e entrega da distinción de honra na sede do ilustre colexio de avogados de Madrid.
Escolleron un par de versos do seu compatriota, o poeta Almafuerte:
“No te des por vencido, ni aún vencido,
no te sientas esclavo, ni aún esclavo.”

Dicían as fillas do homenaxeado que estes renglóns expresaban como Slepoy entendía a vida, a xustiza e o dereito.
Non foi o seu un legado menor nun país coma España, segundo no ranking detrás de Cambodia, con maior número de desaparecidos.
Carlos Slepoy xa é memoria perenne porque nunca se deu por vencido nin se sentiu escravo.

Exit mobile version