Site icon Crónica3.com A Mariña

Con pólvora e magnolias. Nais contra a impunidade

No espazo do dereito penal, aquel relativo aos delitos e ás súas penas, sempre existiu un conflito entre a función punitiva –ou castigadora- e a reeducativa –socializadora-.

Deste xeito xurdiron, a finais do século XVIII, as cárceres como espazos de confinamento. Ata entón a prisión non era un castigo legal, as persoas só eran retidas antes de ser procesadas e non para ser sancionadas.

A partir destas datas créanse as prisións como sistema de represión, entendendo que estas serán o lugar onde se reeduquen os criminais. De xeito inmediato á implantación das cárceres sóubose que a consecuencia práctica do estadío nas mesmas era o oposto: canto máis tempo se pasaba alí máis afondaba no illamento social e no comportamento delictivo.

Séculos despois da creación do modelo este persiste no noso tempo, e cando preguntamos á xente a propósito dunha alternativa ó mesmo ninguén resposta.

Entón ¿por que as cárceres subsisten a pesar da súa contraproducencia? Moitas hipóteses para un simple artigo de opinión, recolleranse só dúas por obvias razóns de brevidade:

– Para o filósofo francés Michel Focault as prisións tiñan unha utilidade político económica: cantos máis delincuentes existan, máis crimes existiran; cantos máis crimes, máis medo terá a poboación e canto máis medo hai nesta máis desexable e necesario se volve o sistema de control policial. A existencia dese pequeno perigo interno permanente sería unha das condicións de aceptación do sistema.

– Dende unha perspectiva menos técnica, pero en idéntico senso concluíu o coruñés Xosé Tarrío no seu libro “Fuxe, home, fuxe. Diario dun preso FIES”:

“Si me preguntaran que é o cárcere diría sen dubidar que é o esterqueiro dun proxecto socio-económico determinado, ó cal botan a todas aquelas persoas que molestan dentro da sociedade: por iso a cadea alberga fundamentalmente pobres.”

Xosé Tarrío morreu o día 2 de xaneiro do ano 2005 despois dunha vida encarcerado e de ter denunciado os abusos do sistema penitenciario. O que aparentemente foi diagnosticado coma unha gripe mal curada pola enfermería do centro de Teixeiro rematou descubríndose un infarto cerebral.

En estrañas circunstancias morreu o tamén coruñés Diego Viña, que faleceu aforcado cos seus propios pantalóns no calabozo do cuartel da Garda Civil en Arteixo aló polo ano 2004.

As nais de Xosé Tarrío e Diego Viña, entre outros, constituíron o colectivo “Nais contra a Impunidade”. Esta asociación civil escolleu a ambos persoeiros como avatares galegos das mortes baixo custodio policial.

Sirva o presente artigo de homenaxe aos seus protagonistas. Por unhas sociedade con menos cárceres e máis escolas.

Exit mobile version