Site icon Crónica3.com A Mariña

Este xoves haberá pleno da mancomunidade de municipios da Mariña. Na orde do día figuran asuntos relativos ao turismo, socorrismo ou transporte así como a incorporación do concello de Viveiro a este ente

A Mariña, 27 de xuño de 2017. A Mancomunidade de Municipios da Mariña celebrará pleno o xoves desta semana, día 29, a partir das 20:00 horas, no Concello de Burela. Na sesión ratificarase a entrada de Viveiro na Mancomunidade e abordaranse asuntos relativos ao turismo, socorrismo, transporte ou infraestruturas.

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, anuncia que “hai unha convocatoria de pleno para o xoves, día 29, ás oito da tarde en Burela. Unha vez feita a modificación que se tiña que facer nos estatutos para poder incorporar a Viveiro para que forme parte da Mancomunidade, que agora si que xa somos os 16 concellos que conformamos a comarca da Mariña, imos facer esa incorporación de Viveiro aprobada entre todos”.

Llano engadiu que “despois como hai unha incorporación nova é necesario, porque así o di a normativa, que se volvan nomear aqueles delegados que diga cada concello, e supoño que vaiamos ser os mesmos que xa estaban, pero hai que volver ratificalos. Tamén hai que volver votar o presidente e o vicepresidente para elixilos de novo. Trataremos de seguir igual. Agora estamos á metade da lexislatura, que siga Edmundo Maseda como vicepresidente e eu como presidente”.

O presidente da Mancomunidade adiantou que “falaremos de todos os temas que son comúns para toda a comarca. Falaremos dos plans turísticos que temos previstos, e do transporte para ver cómo está afectando a cada un dos concellos que conforman a Mancomunidade. E tamén das infraestruturas.

Informarei de que me chegou unha carta dicindo que nos incorporan como representantes da comarca da Mariña, como membro da Mancomunidade, para formar parte das comisións que se fan para o estudo de cómo vai o tren de Feve na nosa comarca. A partir de agora que conten con nós para asistir ás reunións que teñan que ver con este tema. Falaremos ademais dos socorristas, dos plans de cooperación, que penso que se retrasaron moito esta tempada”.

Exit mobile version