O Estadio Martínez Otero rexistrara un cheo en encontro tan novidoso, no que fixera o saque de honor o popular “rulero”, Pedro Tapia, ex xogador ó que da nosa adolescencia lembrábamos como un gardamenta excepcional, de físico estilizado e felina áxilidade, moi difícil de batir; fisonomía que co tempo experimentara unha notable metamorfose que o fixo, con todo merecemento, o mesmo verán, partícipe naquel “ concurso de gordos” que, a pesar de resultar moi exitoso;- incluso o transmiitira íntegro, en diferido, TVE, en horario de mais audiencia, pola cadea única, en branco e negro, que era o que había e non coñeceo outras edicións.
O partido, a piques estivera de frustrase. Alguen, finado hai anos, e cuxo nome omitimos, en actitude difícilmente entendible, fixera campaña en contra do mesmo, facéndolles ver a algúns pais das xogadoras (,hai que retroceder medio século, para comprendelo) o “escándalo” e a “deshonra” que para as súas fillas ía significar aparecer no campo vestidas de tal guisa…. Este cronista era o presidente da Comisión, e promotor de tal encontro, e alguén advirtiuno do que estaba a pasar; e de que chegado o momento ían faltar á cita catro ou cinco mozas, ás que os pais prohibían participar.
Dous días antes visitámolos nos seus fogares e confesamos que resultou doado convencelos do seu erro: garantimos que as rapazas, uniformadas de futbolistas, ían mais “tapadas” (esa era naqueles tempos a cuestión) , e polo tanto mais “decorosas”, “castas” e “decentes” que o facían a cotío pola rúa. Confiaron en nós e resultou unha xornada apoteósica, ofrecendo o estadio un ambiente festivo e unha concurrencia só comparable coas que foron contadas ocasións na súa historia.
Acaso a maior satisfacción nosa fora a felicitación e a gratitude que nos transmitiron aqueles pais, a piques de caer nunha engañifa da que endexamais coñecimos a intencionalidade.
O “Sporting do Mostrador”, con Milucho de Simón de adestrador, alineaba: Maruja Fernández( do “banqueiro”), Susa Martinez (de Fito), Lupe Marful (de Cosme), Mª Luisa Maldonado,Loli Alonso (da Tata), Mari Echevarría, Iselda García, Dulce Mª Martinez e Loli de Simón. Pola súa banda as da” Agulla”, adestradas por Arturo da Peala, formaban: Marita da Pecherena, Mª Carmen Fraga,Mª Carmen García (Xexé), Clara Ruiz (da Sanchona), Azucena do Ollomouro e Ana Mª de Adela. Gañaran 1-0 as primeiras e recollera o trofeo en liza Lita de Cosme, capitana do “Sporting do Mostrador” de mans deste cronista, presidente da Comisión de festas, que á sazón tiña 33 anos … e abofé non coxeaba.
Fora árbitro da contenda Tito da Fábrica que para a ocasión vestía de muller, para entoar coa posta en escea. Fora unha xornada deportiva chea de humor e ledicia; a súa lembranza durara por anos.