Site icon Crónica3.com A Mariña

Garda Civil e Policía Local intensificarán as tarefas de vixianza en Foz durante os meses de verán

IMG_8012Lugo, 28 de xuño de 2017.- O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, copresidiron esta mañá a reunión ordinaria da Xunta Local de Seguridade do Concello de Foz, na que se abordou o operativo de seguridade para o período estival no municipio. Neste senso, aseguraron que se manterá a “colaboración plena” entre os efectivos da Garda Civil e a Policía Local de cara a intensificar “as tarefas de vixianza preventiva” durante os meses de verán, especialmente na zona dos areais ou durante a celebración de eventos festivos, como é o caso do San Lourenzo en agosto ou do San Martiño en xullo .

Este traballo conxunto dos corpos policiais permitirá facilitar unha atención e resposta máis rápida e eficaz, tendo en conta a gran afluencia de xente que se asenta en Foz durante a época estival.

Descenso dos delitos
Os integrantes da xunta de seguridade fixeron tamén unha análise global da situación delincuencial en Foz e destacaron que, atendendo aos datos de denuncias nos cinco primeiros meses deste ano, a delincuencia rexistrou unha diminución con respecto ao mesmo período do ano anterior

As forzas de seguridade, segundo se puxo tamén de manifesto na reunión, resolveron máis da metade dos feitos delictivos de maior gravidade que se denunciaron no cuartel de Foz entre os meses de xaneiro e maio.

Fomentar a colaboración
O subdelegado do Goberno destacou os resultados acadados no municipio focense en canto á tendencia dos últimos meses no cómputo de delitos, “o que pon de manifesto o bo traballo que están a desenvolver as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en cooperación coa Policía Local”, e apostou por “seguir afondando nesa cooperación e traballo conxunto” de todas as forzas policiais xa qué é “fundamental” para esclarecer os delitos e mesmo para evitalos.

CHARLAS PARA ESCOLARES

O subdelegado do Goberno informou tamén na xuntanza desta mañá do traballo realizado en Foz ao amparo do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos e as súas contornas, deseñado pola Secretaría de Estado de Seguridade co fin de reforzar a educación, a prevención e a vixilancia nos centros escolares. Este obxectivo perséguese poñendo a disposición dos centros a asistencia técnica que precisen para axudar a previr e abordar os episodios graves que poidan ameazar a convivencia escolar, así como axudando a mellorar o coñecemento de alumnado, pais e profesores sobre os problemas de seguridade que afectan aos menores.

Ao longo do actual curso, 2016-2017, impartíronse en centros educativos de Foz un total de 4 charlas, que trataron os riscos de internet e sobre a prevención de incendios forestais.

Ademais do subdelegado e do alcalde de Foz, na xunta de hoxe participaron tamén representantes da Garda Civil, a Unidade de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local, entre outros.

Exit mobile version