Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz solicita a declaración de monumento natural o bosque-fósil turbeira de Arealonga en Nois

Foz, 20 de xuño de 2017. Lorena Seivane e Teresa Rego presentarán esta proposta en formato moción no Pleno ordinario deste mesmo mes.

O xacemento de Arealonga de Nois é o Bosque Fósil ou turbeira de maior antigüidade de Galiza e pode considerarse o xacemento paleoclimático máis importante do noso territorio e do resto do Estado español, converténdose ademais en referente a nivel europeo para o estudo da evolución do cambio climático nos últimos milleiros de anos.

Procede do último ciclo interglaciar do Cuaternario, adquirindo un valor fundamental para a reconstrución da mudanza climática dende as primeiras etapas nas que se constata a aparición do home en Galiza. Nel atópase o primeiro estrato de cantos rodados, sobre o que se foron superpoñendo depósitos de turba e area dunar que abarcan todo o período da última glaciación até a actualidade.

“Ademais é un dos poucos xacementos que aínda se conservan que recolle información sobre períodos críticos nos que se extinguiron especies de vertebrados”, explican Seivane e Rego. “Estudando este depósito pódese reproducir as condicións climáticas e ecolóxicas que se sucederon durante os 120 mil últimos anos no norte da península”, engaden.

As nacionalistas din que non é admisible que ante a relevancia deste xacemento para a ciencia siga exposto a obras como as promovidas pola Demarcación de Costas do MAGRAMA no 2014 e 2008 tras ambos temporais sen as necesarias medidas cautelares e precaucións.

Os Monumentos Naturais son espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza, que merecen ser obxecto dunha protección especial e “por este motivo cremos que o equipo de goberno debe solicitar ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente que o Bosque Fósil de Arealonga en Nois sexa declarado Monumento Natural e deste xeito poda estar sempre debidamente protexido”, conclúen as voceiras nacionalistas.

Exit mobile version