Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz solicita incrementar a dotación do Plan marco de mellora dos camiños rurais

Foz, 28 de xuño de 2017. A Consellaría do Medio Rural vén de comunicar aos concellos, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, as previsións de investimento do “Plan marco de mellora dos camiños rurais” para o período 2017-2018. Dito Plan conta cunha dotación de 15.998.673 euros, a distribuír entre os concellos do país.

A dotación consignada supón unha redución importante de recursos. Así, fronte ao Plan marco de mellora de camiños rurais para 2016, que contaba cunha dotación para un ano de 19.998.100 de euros, redúcense os fondos dispoñíbeis en máis dun 60 por 100. A Consellaría do Medio Rural recorta a asignación indicativa de 13 euros por habitante de 2016, ao pasar agora a 10 euros por habitante para o período bianual, isto é, 5 euros por habitante e ano.

Segundo as concelleiras nacionalistas Lorena Seivane e Teresa Rego “esta redución deixa ás claras que o medio rural, a súa mellora e desenvolvemento non son a prioridade do Goberno do Partido Popular en Galiza”. Dese xeito, con esta política, “o Partido Popular rexeita manter o necesario esforzo na dotación de fondos públicos para dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que viven no medio rural e que ademais contribúen a corrixir os desequilibrios territoriais e a fixar poboación no rural”, engaden Seivane e Rego.

Esta evolución negativa de fondos para o rural está inserida no desleixo que o Goberno da Xunta de Galiza amosa polo sector agrario no seu conxunto. As consecuencias desa falta de atención polas políticas rurais xa se denunciaron cando o Goberno presidido por Feijoo aceitou un notábel recorte nos fondos do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020 de Galiza, que conta cunha dotación económica un 20 por 100 inferior ao orzamento inicial do Programa do período precedente 2007-2013.

Por todo iso, o Grupo Municipal do BNG solicitará no pleno do Concello que se inste ao Goberno da Xunta de Galiza a incrementar a dotación do Plan marco de camiños rurais. Dito plan “pode ser dotado dun orzamento plurianual, de xeito que asegure o investimento de xeito sostido e progresivo”, rematan as nacionalistas.

Exit mobile version