Site icon Crónica3.com A Mariña

O concelleiro de turismo fai un balance moi positivo da participación de Burela en FESTUR

110617 Foto Burela en Festur 1Burela, 11 de xuño de 2017. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, fai un balance moi positivo da participación de Burela en Festur, a feira que se celebrou en Silleda desde o pasado xoves ata este 11 de xuño. Hoxe a mediodía houbo unha degustación de bonito, na que se serviron unhas 120 racións, a cargo de Ledicia, a quen o edil burelés lle agradece o traballo realizado.
O responsable da Delegación Municipal de Turismo explicou que “a feira empezou o xoves e remata hoxe, cando tivemos unha degustación de bonito a cargo da asociación Ledicia, á que lle quero agradecer enormemente o traballo feito para acudir a esta cita. Tanto a estancia na feira como a propia degustación foron un auténtico éxito”.

Ramiro Fernández subliñou que “é a primeira vez que participamos nesta feira e vimos encantados. Vamos intentar ter presenza tamén o ano que vén, posto que é un certame no que pasou moita xente polo noso stand. A nós interésannos estas feiras de proximidade porque pensamos que nelas Burela ten un potencial enorme para poder atraer xente durante toda a época estival”.

O edil socialista explicou que “estamos mirando todas as feiras que se están desenvolvendo no aspecto turístico na zona norte do país. Estamos en contacto con moitas organizacións de feiras para poder asistir e en función da capacidade económica que ten o Concello, coas súas limitacións, vamos intentar estar presentes en todos os certames destas características”.

Desde a asociación Ledicia a súa presidenta, Rocío Rivera, dixo que “a experiencia neste tipo de cousas sempre acostuma a ser positiva. Había moitos visitantes, que deron conta do bonito que levamos enseguidiña, nun cuarto de hora aproximadamente. Levábamos sobre unhas 120 racións, tanto en empanada como en salpicón e bonito asado; eran en plan pinchos, non eran racións como as que servimos na Feira do Bonito, pero para facer unha demostración do traballo que realizamos penso que era suficiente”.
Para Rocío Rivera “sempre é importante estar onde hai unha gran concentración de público, porque aínda que parece que as cousas xa son sobradamente coñecidas sempre hai xente que non escoitou falar de certos lugares ou de festas que se celebran en datas determinadas. Entón estar onde está o público é sempre positivo e importante, tanto a nivel turístico como gastronómico neste caso, que é un pouco a parte que lle ocupa a Ledicia, que leva con este 33 anos organizando á Feira do Bonito e moitas veces atopámonos con que aínda hai moita xente que non a coñece. Entón hai que sacala fóra canto máis mellor; iso é positivo sempre”.

Gañadores do Concurso de Carteis deste ano
A presidenta de Ledicia aproveitou para da a coñcer o nome dos gañadores do Concurso de Carteis deste ano. Rocío Rivera manifestou que “o prazo de presentación de traballos para o Concurso de Carteis rematou o pasado día 7 e podemos anunciar que o gañador da categoría infantil é Carme González Pernas, que é unha nena que ten 5 anos e fixo un debuxo moi colorido, como adoitan facer os nenos desa idade. E o cartel anunciador vai ser un traballo feito polo usuarios da Fundación Eu Son, de Burela”.
Rivera engadiu que “a entrega de premios realizase sempre durante a Feira do Bonito. A imaxe que vai ter ese cartel darase a coñecer proximamente, cando teñamos xa o programa da feira un pouquiño máis avanzado. Eu penso que a partir da próxima semana xa iremos dando pequenas pinceladas para de aquí a fin de mes intentar conformar a programación completa para que a xente poida ir coñecéndoa. E canto máis se dea a coñecer fóra da nosa zona de influencia chegaremos a máis cantidade de público”.

Exit mobile version