Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo convoca un pleno extraordinario para avanzar na posta en marcha do centro de día – residencia

Cervo, 27 de xuño de 2017.- O Concello de Cervo convoca un pleno extraordinario para este xoves, 29 de xuño, ás 19:00 horas, no que se darán os primeiros pasos administrativos para a posta en marcha do Centro de Día Residencia, ubicado en San Ciprián.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, sinalou que “levamos anos traballando para que este servizo sexa unha realidade, sabedores de que, para un Concello pequeno como é o noso, ten unha enorme dificultade levar a cabo un expediente tan complexo como este, porque estamos a asumir unha competencia das chamadas impropias; que corresponde inicialmente a outras administración públicas”

Pero o noso plantexamento dende sempre, -engadiu- “e sobre o que levamos traballando todo este tempo, foi o de ofrecer un servizo que consideramos fundamental para os nosos maiores; para aqueles que polas súas circunstancias persoais, familiares ou sociais así o precisen; favorecendo a súa permanencia no seu municipio de residencia”.

O rexedor puntualizou que a restritiva normativa actual en materia de contratación de persoal, especialmente a Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local e a Lei de Orzamentos Xerais do Estado; constituíu un impedimento para poder materializar a nosa idea inicial, que non era outra que a de ofrecer un servizo público ao 100%; por iso tivemos que buscar fórmulas que nos permitisen blindar unha prestación esencial e de calidade para os nosos maiores.

Así, dadas as circunstancias, “a concesión preséntase como o modelo máis apropiado, sempre baixo o seguemento e a supervisión continua por parte da administración local, do Concello, que, polos impedimentos da lei, carece dos medios técnicos, humanos e materiais necesarios para levar a cabo esa xestión directa, polo que, nesta coxuntura, a concesión favorecería a mellora da calidade da atención aos usuarios, da man de profesionais especializados, con gran coñecemento do terreo”.

No Concello de Cervo, levamos meses traballando nesta liña, en coordinación cos diferentes departamentos técnicos, de secretaría e intervención, e de Servizos Sociais para poder dar estes primeiros pasos administrativos.
Así levaremos ao pleno deste xoves aprobar, de acordo co informe favorable da Dirección Xeral de Administración Local sobre non duplicidade e sustentabilidade financieira, a nova competencia a asumir polo Concello de Cervo do servizo de Centro de Día-Residencia; aprobar inicialmente a memoria xustificativa da prestación do servizo, o proxecto de regulamento do réxime de acceso ao servizo, así como a documentación complementaria anexa; e considerar como forma de xestión do servizo público a xestión indirecta mediante concensión.

O Centro contará con 25 prazas de Centro de Día e 54 de Residencia.

Exit mobile version