Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo programa unha nova edición de “enredos de verán” para os meses de xullo e agosto

220617 Enredos de VeránCervo, 22 de xuño de 2017.- O Concello de Cervo, a través da delegación de Educación e Cultura, programa unha nova edición de enredos de verán para os meses de xullo e agosto, dirixido a rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos.

Deste xeito, a edil de Educación, desprazouse ata os Colexios do municipio, para informarlles aos mozos sobre as diferentes actividades que se impartirán.

Entre elas destaca unha semana adicada á seguridade, na que poderán ver en primeira persoa as ferramentas de traballo dos corpos e forzas de seguridade e recibirán clases prácticas nesta materia. Estre as actividades deseñadas, haberá unha xornada na que os pequenos poderán acceder ao barco da Garda Civil, que se desprazará ata San Cibrao. Ademais, os membros de protección civil impartirán un obradoiro de primeiros auxilios.

Tamén se levará a cabo un circuíto de educación viaria co fin de que ,tal e como sinalou Caramés, “os pequenos tomen conciencia e adquiran os hábitos adecuados relacionados coa seguridade viaria e que participen do tránsito dun xeito activo e máis responsable”.

Haberá tamén todo tipo de xogos acuáticos, skate e moitas outras actividades ao aire libre durante estes dous meses.

Ademais, tamén haberá unha semana adicada a sensibilización ambiental, programada dende a delegación de Medio Ambiente que dirixe Manuela Méndez, coa que se pretende incidir na concienciación e no respecto á contorna a través de diferentes actividades pensadas para os máis pequenos.

Por outra banda, Caramés tamén sinalou que se deseñou un novo calendario de Repasando no Verán para rapaces de todas as idades que se impartirá nos diferentes locais sociais das parroquias e no que se desenvolverán “todo tipo de actividades de reforzo, cálculo, clases de inglés, e ensinaranse e poñeranse en práctica técnicas efectivas de estudo como a realización de resúmenes e esquemas”.

A edil de Educación suliñou que “tentamos ofrecer unha oferta lúdica-educativa variada e completa para os nosos nenos, brindándolle ás familias unha ferramenta de conciliación nestes meses estivais”.
A inscrición, aberta ata o 30 de xuño, debe presentarse na Casa da Cultura ou na Casa do Concello.
Ese mesmo día, haberá unha reunión informativa coas familias para definir horarios e grupos, na que se entregará un calendario completo con todas as actividades.

Exit mobile version