Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo estrea unha aplicación móbil pioneira que localiza as vivendas e lugares onde hai urxencias

app (8)Mondoñedo, 21 de xuño de 2017.- O Concello de Mondoñedo dispón dende hoxe dunha aplicación pioneira para teléfonos móbiles que permite unha rápida localización por parte dos servizos de emerxencia das vivendas ou lugares nos que se está a dar unha urxencia. É dicir, esta APP, que se desenvolve baixo o nome de Isocrona, xeolocaliza as casas coa finalidade de que se poidan atopar rapidamente no caso de que se produza unha urxencia.
A rexedora, Elena Candia, explica que o obxectivo que se pretende é “a mellora de seguridade e a calidade de vida dos veciños e veciñas, así como avanzar nuns servizos de emerxencia máis eficientes e máis rápidos”.
Nesta aplicación para teléfonos móbiles, que se instalará nos dispositivos municipais e á que terán acceso mediante un código tanto o 061 como os bombeiros, están sinalizadas todas as casas da localidade, tanto nas residen veciños como nas baleiras que reúnen as condicións de habitabilidade. Isocrona tamén referencia os lugares e puntos de interese que poden servir de orientación aos servizos de emerxencia; ao igual que os puntos de carga de auga para os bombeiros.
Un servizo “fundamental”
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, acompañada do responsable do servizo, Juan Carlos Castro, o xefe base do 061 da Mariña, Andrés Campos, e do sarxento de bombeiros do parque de Barreiros, Fernando González, presentaron esta mañá a aplicación que para a rexedora prestará “un servizo fundamental na nosa localidade”.

“Mondoñedo é un concello fundamentalmente rural cunha ampla dispersión xeográfica, condicións que dificultan a prestación dos servizos de emerxencia e poñen trabas á hora de ofrecer aos cidadáns unha resposta áxil. O uso das novas tecnoloxías permitiranos mellorar en eficiencia e garantir o máximo posible a seguridade dos nosos veciños”, manifestou a rexedora.

A alcaldesa explicou que coa APP e grazas aos diferentes datos que integra, a través do GPS crease unha ruta que indica o percorrido ao equipo ata o punto no que se está a producir a emerxencia. Ademais, as vivendas tamén están identificadas coas coordenadas, que se poden empregar nun sistema de GPS.

Polo tanto, a rexedora tamén quixo poñer en valor esta iniciativa que emprega as novas tecnoloxías para mellorar a calidade de vida dos veciños, promovida por un traballador do 061 e presentada na aceleradora de proxectos empresariais posta en marcha en Mondoñedo. “O propio promotor da iniciativa encargouse de realizar o traballo de campo e acadar os diferentes datos que permitiron que hoxe dispoñamos desta APP no Concello”, precisou.

Exit mobile version