Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo impulsou diversas actuacións de mellora no alumeado público que perseguen o aforro enerxético e a prestación dun mellor servizo

servizoselectricosMondoñedo, 14 de xuño de 2017.- O Goberno local de Mondoñedo fixo balance esta mañá das actuacións promovidas polo executivo en materia de iluminación pública e eficiencia enerxética. Dende o Concello de Mondoñedo impulsaron un amplo abano de accións que perseguían un dobre obxectivo, por unha banda acadar un importante aforro enerxético para a administración local e, por outra banda, conseguir esta redución dos custes mellorando a prestación deste servizo público. En concreto, dende o executivo local precisan que primeiro se puxo en funcionamento un plan de mantemento preventivo e correctivo para garantir a seguridade dos cidadáns neste eido e, de seguido, impulsáronse accións que permitiron unha importante redución do gasto enerxético.

Dende o Goberno local establecen tres eixos de actuacións, que definen de especial necesidade dentro da xestión municipal. Ademais da posta en marcha dun plan co que se garante o cumprimento da normativa en materia de seguridade, dende o Goberno numeran cambios das lámpadas tanto no rural como no casco urbano e a redución dos tempos de espera de substitución dos focos no caso de avaría; ao que lle suman diversas actuacións en edificios municipais, entre elas, a instalación dun maior número de puntos de rede wifi.

Plan de garantía da seguridade cidadá
Dun xeito máis preciso explican que o Concello de Mondoñedo durante este primeiro ciclo do Goberno de Candia elaborou e puxo en funcionamento un plan de mantemento preventivo e correctivo, “de vital importancia”, consideran, para “asegurarnos que as instalacións eléctricas cumpren a normativa en materia de seguridade”. Neste eido, dende o executivo municipal aseguran que en outubro de 2015 a meirande parte dos cadros de alumeado público estaban sen diferencial ou non funcionaba e a día de hoxe están todos funcionando e as avarías reparadas”, circunstancia que, precisan dende o Goberno, “reduce o risco eléctrico para a poboación, evitando tamén o malgasto de enerxía por derivacións á terra”.

Aforro enerxético e mellora nas novas tecnoloxías
No que respecta a outras actuacións, o executivo local citou o cambio de alumeado á lámpadas tipo led en barrios como son o Coto da Recadieira, Pelourín, Maariz, Coruxeiros ou Sán Lázaro, entre outros. En concreto, informan de que esta actuación supuxo un aforro anual de 7.000 euros. De igual xeito, tamén se impulsou a reparación do alumeado do Campo dos Paxariños, que levaba anos sen funcionar.

Para o Goberno mindoniense tamén é de suma importancia dar unha resposta áxil aos veciños á hora de demandar a substitución de focos por avarías ou de revisar o alumeado público na localización onde é obxecto de demanda. “Intentamos reducir os tempos de agarda ao máximo. Estamos ante un servizo público de primeira necesidade, que queremos ofrecer coas mellores garantías posibles”, precisa a rexedora, Elena Candia.

O Concello de Mondoñedo tamén fixo un forte fincapé na mellora das novas tecnoloxías na cidade. Así, instalou rede wifi no edificio da Escola de Música e no salón de actos do auditorio municipal ao igual que no Centro Comarcal, edificio no que tamén reforzaron as liñas para adaptalo ás novas necesidades.
De igual modo, outros edificios de titularidade municipal tamén foron obxecto de actuacións como é a estación de autobuses onde se automatizou tanto o alumeado exterior como o interior; reparouse o cadro de control da caldeira da Escola de Música e do equipo de aire acondicionado do salón de actos do Auditorio, “que afora funciona en modo frío e modo calor, ademais de instalárense os carteis indicativos para facer máis fácil a súa posta en marcha”.

A estas accións de mellora súmanselle outras como a do arranxo da instalación eléctrica do Centro Cultural da Alcántara, xa que tiña múltiples avarías e danos provocados pola humidade; así como tamén a reparación do equipo de conmutación automática do pavillón de deportes, entre moitas outras.

Exit mobile version