Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo celebra o día do orgullo colocando a bandeira multicolor na casa consistorial, na casa do pobo

280617 Foto bandeira multicolor RibadeoRibadeo, 28 de xuño de 2017. O Concello ribadense celebra o Día do Orgullo colocando a bandeira multicolor na Casa Consistorial. No acto déronse cita o alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Cultura e Xuventude, Farruco Graña e Vanesa Yanes.

Desde a Concellaría de Igualdade de Ribadeo sinalan nesta xornada: “reiteramos o noso compromiso e a aposta pola igualdade social, a visibilidade da diversidade e a non discriminación, nun día como hoxe de celebración con todo o colectivo LGTBI do Día do Orgullo.

E explican que “case medio século despois da revolta de Stonewall, cidade de Nova York onde se produciu a revolución dos afectos cando un grupo de persoas non hetereosexuais decidiu responder á agresión policial sufrida en Stonewall. Desde entón tense avanzado, pero aínda falta moito para conquistar a igualdade real e a normalización social”.

Na Concellaría de Igualdade manifestan que “si ben en Galicia contamos coa Lei de Igualdade 2/2014 de 14 abril pola igualdade e non discriminación de persoas LGTBI, cabe resaltar que as discriminacións e vulneración de dereitos que sofren as persoas LGTBI fan do noso país a terceira comunidade do Estado cun maior número de delitos de odio por orientación ou identidade sexual. Sen ir máis lonxe, o pasado ano na praza de España, en Ribadeo, a exposición da Deputación que se colocou para conmemorar esta efeméride sufriu danos e un ataque”.

E engaden: “a isto, cabe sumarlle as discriminacións tanto no eido laboral (vulneración do dereito á intimidade nos procesos de selección, non renovación de contratos, acoso, dificultades na promoción, denegación de prestacións e permisos á parella, despedimentos…), como no social, e mesmo no ámbito educativo desde idades moi temperás (agresións, insultos, invisibilización, illamento, acoso e ciber acoso…), que sofren moitas galegas e galegos pola súa opción afectivo sexual ou pola súa identidade de xénero e a outro tipo de discriminacións que xorden no día a día como a imposibilidade das mulleres lesbianas de ser nais, xa que a carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde vincula os tratamentos de reprodución humana asistida (RHA) á existencia dun trastorno documentado da capacidade reprodutiva, constatada tras un protocolo diagnóstico, ou tras a ausencia de consecución de embarazo despois dun mínimo 12 meses de relacións sexuais con coito vaxinal sen emprego de métodos anticonceptivos”.

Para a Concellaría de Igualdade “aínda son moitas as barreiras e discriminacións que afectan ás persoas que defenden a diversidade sexual, ou que se identifican como gais, lesbianas, transexuais, bisexuais, intersexuais. Desde o Concello de Ribadeo queremos amosar o noso apoio izando unha vez máis a bandeira multicolor e celebrando este Día do Orgullo, xa que para nós é un orgullo que cadaquén poida vivir a súa vida en liberdade”.

Exit mobile version