Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo emitiu un novo bando ante a celebración das fogueiras de San Xoán e a prohibición da Xunta de efectuar queimas agrícolas e forestais. Só se poderán facer fogueiras en solo urbano e núcleo rural

Ribadeo, 21 de xuño de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, ven de facer público un novo Bando para a celebración das fogueiras de San Xoán, tras a comunicación da Consellería de Medio Rural no día de onte na que se prohiben ata novo aviso as queimas agrícolas e forestais polas condicións meteorolóxicas e o índice de risco de lume. O novo Bando do Concello subliña que non se poderán facer fogueiras en terreos agrícolas, en terreos forestais e en zonas de influencia forestal. Desta prohibición queda excluído o solo urbano e o núcleo rural.

Fernando Suárez anunciou que “acabo de asinar un novo Bando que ven modificar o que se fixo hai uns días tendo en conta a comunicación que no día de onte recibimos da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, na que se prohiben expresamente e ata novo aviso, as queimas agrícolas e forestais polas condicións meteorolóxicas e o índice de risco de lume”.

O rexedor ribadense subliñou que “hai que ter en conta que pasado mañá son as fogueiras do San Xoán, e tanto en Ribadeo como en todos os concellos da Mariña, é unha tradición innegable onde hai centos de fogueiras. Para o caso de Ribadeo a xente ven solicitalo aquí como fai todos os anos. E agora con este novo bando vimos modificar o artigo 2, do emitido hai uns días, onde dicíamos antes simplemente que non se podían facer fogueiras en lugares próximos a tendidos eléctricos, edificios ou calquera outro no que puidera crearse situacións de perigo, pero agora engadímoslle en letra ben grande para que todo o mundo teña coñecemento de que non se poderán facer fogueiras en terreos agrícolas, en terreos forestais e zonas de influencia forestal, o que se entenden como franxas circundantes dos terreos forestais cunha anchura de cen metros aproximadamente”.

O alcalde de Ribadeo dixo que “queda excluída desta prohibición o solo urbano e o solo de núcleo rural, nestes casos tanto no ámbito da vila como no ámbito dos núcleos rurais exclusivamente si que é competencia municipal e en principio aí se poden autorizar. Entendemos que pode haber moita xente que descoñeza onde empeza o ámbito de núcleo rural e onde acaba, onde empeza o ámbito de terreo rústico ou forestal”.

Suárez insistiu en que “recomendamos encarecidamente que para o caso de non saber con certeza se onde se pretende facer a fogueira puidera estar afectado por esta prohibición, que se absteñan de realizar a queima. Para o caso de emerxencia que contacten co 112 ou con Protección Civil de Ribadeo. É unha medida precautoria, a seca é importante, vemos o que está pasando por aí adiante non moi lonxe de aquí e entendo que toda precaución é pouca”.

O rexedor engadiu que “o que ocorre é que con esta notificación que nos mandou a Xunta onte á noite, digamos que hai moi pouquiño tempo para manobrar, e polo tanto a primeira hora da mañá fixemos un novo Bando que incorpora os condicionantes que a Xunta nos marca para o solo rústico e forestal. Queda o solo de núcleo urbano da vila de Ribadeo e o solo de núcleo rural das parroquias baixo o mandato do Concello, pero para o resto terán que facer moito caso do que indica a Xunta”.

Fernando Suárez fai fincapé en que “en caso de dúbida mellor que non fagan a fogueira”.

Exit mobile version