Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello instala cámaras nas praias de O Portelo e A Marosa para facilitar información do estado dos areais en tempo real

260617 Foto cámaras praias BurelaBurela, 26 de xuño de 2017. A Concellería de Turismo ven de instalar dúas cámaras nas praias de O Portelo e A Marosa para que recollan información en tempo real do estado no que se atopan os areais. Xa están conectadas coa páxina web de Turismo.

O edil Ramiro Fernández Rey explicou que “son dúas cámaras nas que se vai poder ver en tempo real o estado no que se atopan as praias tanto A Marosa como O Portelo, co obxectivo de que todo o mundo poida ter unha información de cal é a situación do tempo en Burela neses areais”.

O concelleiro burelés dixo: “pensamos que é unha boa medida para que todo o mundo poida entrar na páxina web de Turismo, que é onde están postos os enlaces, e poder ver o estado en que se atopan as praias, e poder decidir si se vai a elas, se o día está para poder ir ou non, e que a xente que se despraza doutros lugares poida ter unha información para non facer esa viaxe en balde”.

Fernández Rey salientou que “é unha información máis que queremos dar sobre todo aos visitantes, pero tamén é útil para os veciños de Burela posto que hai veces que incluso na praia de O Portelo e A Marosa non hai o mesmo tempo, pode estar facendo bo nunha e non na outra estar nublado”.

O edil de Turismo manifestou que “estas cámaras están contratadas cunha empresa que se chama Hispacams, que ademais de estar na nosa páxina de Turismo www.turismoburela.org tamén está na súa web a nosa información. Manda unha imaxe cada vinte segundos e vese perfectamente cómo está o mar e a situación da praia, se hai xente e se fai sol. Cremos que é interesante de cara a ter unha información perfecta das praias e unha medida que pode traer máis xente a Burela”.

O edil lembrou que “foi unha das xestións que pechamos en Fitur cando estivemos, era un dos contactos que tíñamos planificados. E agora as cámaras xa están conectadas e agardamos que sexan de utilidade”.
Ramiro Fernández Rey puntualizou que “non son cámaras de vixilancia e que non teñen a resolución suficiente para distinguir persoas, senón que o seu cometido é simplemente dar información real do estado dos areais”.

Exit mobile version