Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello pídelle á autoridade portuaria Ferrol-San Cibrao que garanta o libre acceso á Illa Pancha. Así o recolle o escrito remitido nas últimas horas a este ente

Ribadeo, 8 de xuño de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, envioulle un novo escrito á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao pedíndolle que garanta o libre acceso á Illa Pancha. O rexedor referiuse tamén ao pronunciamento efectuado por ese ente nas últimas horas sobre o hotel situado nesa paraxe: “alégranos que o procedemento de concesión estea ben, porque había preocupación na sociedade”. E lembrou que a Autoridade Portuaria tardou catro meses en emitir unha resposta a este respecto.

Fernando Suárez manifestou que “era tempo de que se producise ese pronunciamento, dado que xa van case catro meses desde que iniciamos a petición de respostas, e alegrámonos tamén que digan que o procedemento de concesión está todo ben porque había parte da sociedade preocupada en iso, e sobre todo entidades supostamente equidistantes do poder político como pode ser o Defensor del Pueblo, que estaba tamén absolutamente convencido de que había unha serie de irregularidades na concesión”.
O alcalde declarou: “e polo tanto a miña obriga como responsable político municipal foi preguntar e transmitir estas preocupacións para asegurar unha situación xurídica que podía ser complexa”.

O rexedor ribadense subliñou que “por outra banda, hai que discernir entre a concesión coa licenza de obra ou coa licenza de actividade. E en canto á actividade ese hotel segue tendo varios problemas que non están resoltos. Que quede claro, e digo outra vez máis, que nunca dixemos que alí non podía existir un hotel, que non podía existir unha cafetería ou que non podía existir unha tenda de roupa.

Alí pode existir o que a normativa municipal prevea que pode existir, pero o que dicimos desde o Concello é que as actividades que poida haber alí débense adaptar ás normativas municipais de seguridade, de hixiene, sanitarias, de accesibilidade, de confortabilidade, etc…, na illa Pancha, na vila de Ribadeo, en Remourelle, en Rinlo, en Covelas ou en calquera das parroquias do noso concello”.

Suárez Barcia pregúntase: “¿qué quero dicir con isto? Pois que a auga potable non se pode levar a caldeirados como se pretende, senón a través dunha tubaxe de auga potable da traída municipal e onde o interesado debe acometer as melloras que o Concello lle indica, por non estar adaptada a existente para un uso dun hotel. Igual que na illa Pancha, que na vila, que na parroquia de Arante ou que en calquera outro recuncho deste concello”.

Fernando Suárez engadiu: “¿qué queremos dicir tamén? Que como puidemos constatar hai uns días nin a propia Policía Local puido entrar á illa para precintar a actividade, porque o concesionario non o facía, e téndolle que pedir autorización para entrar á propia Autoridade Portuaria. Isto evidentemente contrasta con que os establecementos públicos, como é o caso deste hotel, teñen que contar con libre acceso. ¿Cómo se non pode acceder a policía se hai un incidente?, ¿cómo se non pode acceder un servizo médico de urxencia se un usuario ou usuaria dese hotel ten un percance?, ¿cómo se non poden acceder os bombeiros se hai un incendio?. En definitiva aplicamos aquí o mesmo que a calquera hotel na vila, en Vilaframil, en Ove ou en Couxela, en calquera parroquia do concello”.

O rexedor ribadense manifestou que “é por todo isto polo que lle lembramos á Autoridade Portuaria, a través dun escrito que saíu de aquí o día de onte, que máis aló do que eles concesionaran para o Concello de Ribadeo é necesario manter o acceso público libre, en especial para cumprir con toda esta regulamentación que acabo de indicar. Aquí na illa Pancha ou insisto, en calquera das rúas ou espazos da vila de Ribadeo, ou en calquera das rúas ou espazos das parroquias do concello de Ribadeo. A lei é para todos igual, están afectos tanto na illa como en terra, todo o mundo”.

Exit mobile version