Site icon Crónica3.com A Mariña

O equipo de goberno de Lourenzá denuncia publicamente as mentiras da voceira popular sobre a taxa de vados e outros asuntos

Lourenzá, 8 de xuño de 2017. O equipo de goberno do Concello de Lourenzá denuncia publicamente as mentiras da voceira municipal do Partido Popular sobre a taxa de vados e outros asuntos aos que se referiu nos últimos días.

“A señora Álvarez Chao, coma sempre, intenta atacar ao equipo de goberno manipulando e mentindo aos veciños de Lourenzá. Di que o Concello pretende implantar unha taxa de vados, cando esta taxa xa existe. O único que se pretende desde o Concello é regular unha situación que non se dá en ningún outro sitio e que aparece recollida na ordenanza actual, pola que calquera veciño de xeito particular pode reservar unha praza de aparcamento na vía pública abonando unha simple taxa. ¿Se todos os veciños fixeran uso desta norma, onde se aparcaría en Lourenzá, señora Álvarez? De todas maneiras o Concello convocará aos veciños para explicarlles estas modificacións e presentalas no próximo pleno”, aclaran desde o goberno municipal.

O equipo de goberno tamén explica que “no último pleno o grupo popular rogoulle ao equipo de goberno que empregara as subvencións do Plan Marco para o arranxo de dúas estradas. Sabe a señora Álvarez que, ademais desas dúas, hai outras estradas e camiños no municipio en tan mal estado coma esas. Sábeo porque foi ela quen as deixou así. O que non conta a señora Álvarez, non sabemos se é por ignorancia ou porque non lle interesa, é que a Xunta do señor Feijoo destinou para este ano en Lourenzá a ridícula cantidade de 29.000 euros (69.000 euros o ano pasado), o que significa un 60 por cento menos. ¿Que pretende a señora Álvarez que se arranxe con ese orzamento? Ben estaría que, en lugar de criticar, a voceira popular arrimara o ombreiro e lle reclamara á Xunta un mellor trato para os seus veciños”.

O goberno local engade: “critica a señora Álvarez que a alcaldesa de Lourenzá, xunto con outros alcaldes da provincia, lle reclame á Xunta medidas máis eficaces de emprego. Neste concello temos obradoiros de emprego, pero a outros non llelos concedeu a Xunta. ¿Que hai de malo en ser solidarios e reclamar xustiza para todos?”.

E o equipo de goberno municipal remata aconsellándolle á portavoz do PP que “non minta aos veciños, non intente manipulalos. Colabore, arrime o ombreiro e traballe na mesma dirección ca nós, que non é outra que beneficiar aos veciños e veciñas de Lourenzá”.

Exit mobile version