Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación achega aos veciños de Meira máis de 330.000 euros para mellorar os seus servizos públicos

Foto1 MeiraLugo, 23 de xuño de 2017. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Meira, Antonio de Dios Álvarez, informou este venres sobre o investimento que o Goberno Provincial achegou aos máis de 1.700 veciños deste municipio a través do Orzamento de 2016. Campos Conde fixo referencia ás melloras en vías de comunicación e dotacións públicas finalizadas, así como á prestación de servizos públicos, todo isto con máis de 330.000 do orzamento de 2016.

Campos Conde e de Dios Álvarez, acompañados de veciños da zona, supervisaron as melloras levadas a cabo polo Goberno da Deputación nos accesos ao campo de fútbol municipal, ao cemiterio municipal e a rúa Rego de San Vicente, financiados na súa totalidade polo Executivo Provincial con 100.000 euros.

Os traballos consistiron, por un lado, na mellora do acceso ao campo de fútbol con aglomerado en quente, un camiño empregado a diario polos veciños do municipio, pois no estadio adestran e xogan todas as categorías do Meira Fútbol Club.

Por outra banda, realizouse a reposición dun treito da canalización na Rúa Rego de San Vicente. Mudouse a tubaxe actual de formigón por unha de prolipropeno. É moi importante esta mellora, pois nesta rúa encontrase o Centro de Saúde de Meira.

Con dito investimento, tamén se realizaron obras de melloras, con aglomerado en quente e a limpeza de toda a zona, no acceso ao cemiterio parroquial.

Melloras de 88.000 euros no rural
O Goberno da Deputación mellorou 9 accesos a núcleos poboacionais, beneficiando aos veciños que viven nos mesmos. Fixéronse nos camiños Da Pena ao Cuartel da Garda Civil; da Valiña á estrada de Labrada; da estrada de Labrada ao Pico do Lugar; de Val de Cal; Ponte Umarega; de Vedra a Rego de Irimia Baixa; de Rasa a Cabana; de Pedregal a Irimia Alta; e de Pico do Lugar a Lugar da Pena. Os traballos consistiron no arranxo do firme, con rego asfáltico, das principais vías de comunicación destes núcleos. Supuxeron un investimento de 38.000 euros do Goberno da Deputación.

O Executivo Provincial achegou outros 35.000 euros ao ensanche do camiño de Seixosmil a Meiroi, á restauración da fonte pública do Piñeiro; e á restauración da fonte pública de Murias. Estas melloras beneficiaron directamente aos máis de 50 veciños que viven nestas zonas.

O Presidente e o Alcalde supervisaron as melloras que o Goberno da Deputación levou á Louseira, ao Piñeiro, Marrondo e Granda, na parroquia de Seixosmil. Situáronse 33 novos puntos de luz de baixo consumo no alumeado público destes 4 núcleos rurais. Estes traballos, que contan con máis de 15.000 euros do organismo provincial, benefician aos máis de 80 veciños que viven nesta zona. Permitirán reducir a factura de luz en máis dun 10% ao ano, aforrando preto de 1.000 euros ao Concello.

Prestacións públicas
O Goberno da Deputación contribuíu con 80.000 euros á adquisición dun novo camión de recollida de lixo, que comparten os Concellos de Meira e Riotorto. Este servizo público leva funcionando dende principios de ano, beneficiando aos máis de 3.000 veciños destes 2 Concellos da Terra Chá. Ademais, na Casa da Cultura do Concello meirego, restaurouse o pasamáns cunhas pranchas de metacrilato, con máis de 1.100 euros da institución provincial. Con outros 1.200 euros, equipouse de material á aula de novas tecnoloxías municipal.

Atención a 11 maiores
O Goberno da Deputación atende a 11 maiores de Meira aos que non ofrece asistencia a Xunta de Galicia. Faino con máis de 20.000 euros, que permiten o funcionamento do Servizo a Domicilio para non dependentes, así como coa Teleasistencia gratuíta, que ofrece a persoas con dificultades en canto a súa autonomía. En Meira, son 6 os maiores que contan co Servizo a Domicilio para non dependentes e 5 co de Teleasistencia gratuíta.

2 novos postos de traballo
Son 2 os novos postos de traballo que xerou o Goberno Provincial en Meira a través do DEPUEMPREGO, o seu plan de emprego nos Concellos de menos de 20.000 habitantes co que reforza as prestacións públicas municipais. Con 19.300 euros, o Executivo da Deputación asume os custos laborais de 2 peóns de servizos múltiples.

Dinamización económica e social
O Goberno da Deputación achegou 3.700 euros a asociacións do municipios para a celebración de actividades culturais e outros 2.800 ao Concello para a organización de máis citas de esta mesma índole. Tamén colaborou coa celebración da Festa da Malla, achegando 2.000 euros; así como coa organización de citas deportivas con máis de 3.000 euros, entre outras axudas.

Exit mobile version