Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación mellora as instalacións deportivas de Xove con 250.000 euros

IMG_6894Lugo, 17 de xuño de 2017. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, inaugurou este sábado o campo de fútbol de Xove anexo ao Municipal, que o Executivo Provincial dotou de herba artificial, con 250.000 euros. Trátase dun campo no que cada semana adestran e xogan 200 persoas, entre elas os integrantes da Unión Deportiva Xove Lago, equipo de fútbol que milita no Grupo 3 da Primeira División Rexional de Galicia.

Campos Conde subliñou que “con esta nova dotación melloramos as instalacións deportivas de Xove, respondendo a unha petición dos veciños e do club mariñán, que a vindeira tempada contará cunhas instalacións de luxo. Sen dúbida isto permitirá á entidade seguir medrando coa creación de novos equipos de base, en efecto, cónstame que a vindeira tempada a UD Xove Lago estreará un equipo xuvenil, o que me enche de satisfacción”.

O Presidente da Deputación subliñou que “con este novo campo de herba artificial contribuímos a incentivar a práctica deportiva en Xove, pois entre os nosos obxectivos atópase a promoción do deporte entre a mocidade, como aspecto fundamental dentro dun estilo de vida saudable”.

Outros investimentos
O Goberno da Deputación mellorou aos 3.400 veciños de Xove as súas dotacións públicas con máis de 600.000 euros do orzamento de 2016. Ademais dos 250.000 euros que o Executivo Provincial achegou para a dotación de herba artificial do campo de fútbol, outros 270.000 euros foron para o arranxo do firme de estradas municipais.

Tamén se levaron a cabo melloras no alumeado público da Avenida Deputación para as que o Goberno da Deputación achegou máis de 20.300 euros. Consistiron na dotación de novo equipamento da que é unha das principais vías de comunicación do Concello, co que se reducirá en máis de 6.000 euros ao ano a factura municipal pola luz.
Así mesmo, o Goberno achegou 20.000 euros para asumir o Servizo a Domicilio de 80 veciños deste Concello que non reciben nin un só euro por parte da Xunta porque non están catalogados como dependentes. Tamén levou outros 37.000 euros para a xeración de postos de traballo e reforzar as prestación públicas municipais co DEPUEMPREGO. É o plan de emprego do Executivo Provincial nos Concellos, que en Xove permite a contratación dun coidador para a Escola Infantil Municipal e dun administrativo para o servizo de inserción laboral no Consistorio.

Exit mobile version