Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación únese aos actos conmemorativos con motivo do 50 aniversario da Sociedade Deportiva Burela

Lugo, 17 de xuño de 2017. OPresidente da Deputación, Darío Campos Conde, participou este sábado nos actos conmemorativos con motivo do 50 aniversario da Sociedade Deportiva Burela, o club de fútbol mariñán que compite na Primeira División Autonómica Galega. O Goberno da Deputación ven de mellorar as súas instalacións deportivas, dotando o campo de fútbol da Marosa duns novos vestiarios. Esta obra foi financiada na súa totalidade polo organismo provincial e contou cun investimento de 100.000 euros.

Campos Conde subliñou que “como mariñán é unha honra para min poder compartir con todos os que formades parte da SD Burela un día tan especial no que celebramos o 50 aniversario do club. Dende que a entidade iniciou a súa andaina aló polo ano 1966, tense convertido nun dos equipos con maior soleira da Primeira Autonómica Galega. Con diferentes altos e baixos, destacando o histórico ascenso a Terceira División na tempada 88/89, a traxectoria do Burela sempre estivo ligada ao seu propio pobo e as súas xentes. Incluso na etapa máis dourada do club, a comezos dos 90, sempre recordou as súas raíces humildes, é isto é algo do que debedes estar orgullosos todos aqueles que formades parte desta gran familia”.

A cita reuniu a directivos e exdirectivos, entrenadores e exentrenadores, xogadores e exxogadores, así como a centos de afeccionados. Os actos deron comezo ás 10:00 da mañá con varios partidos amigables entre futbolistas que pasaron polo club burelés en diferentes décadas, ao longo do seu medio século de vida. Ás 14:30 horas tivo lugar a inauguración dunha placa para festexar os 50 anos da SD Burela e, a continuación, celebrouse unha comida na carpa habilitada nas instalacións deportivas da Marosa. Durante a tarde o acto estivo amenizado con música en directo e actividades infantís.

Vestiarios da Marosa
O Goberno da Deputación dotou o campo da Marosa duns novos vestiarios, achegando 100.000 euros para a súa construción. Esta nova dotación responde a unha petición da Sociedade Deportiva de Burela e de todos os seus integrantes. Neste campo de fútbol adestran todas as categorías do fútbol burelense, dende os máis pequenos, os prebenxamíns, ata os xuvenís, un total de 170 deportistas, polo que os novos vestiarios que contribuirán a seguir incentivando a práctica deportiva nesta localidade.

O Goberno da Deputación xa achegou un total de 210.000 euros para a dinamización social de Burela, contribuíndo de xeito decisivo á actividade que desempeñan os colectivos de toda índole deste Concello, pois nesta partida inclúense as axudas a colectivos culturais e deportivos para o desempeño das súas actividades. Concretamente para o Club Deportivo Burela, unha entidade deportiva que conta con equipo masculino e feminino na elite do fútbol sala. Tamén promoveu outro tipo de eventos deportivos como a Liga Galega Traíñas, a promoción do Fútbol Sala coa Fundación Imdecum, ou ao Club Baloncesto Burela.

Exit mobile version