Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular abstense na adxudicación do centro de recría de Gayoso Castro ao quedar claro que a resolución do Tribunal non defende a legalidade do procedemento, posto que non entra no fondo

Lugo, 27 de xuño de 2017.- O Grupo Provincial do PP abstívose na proposta de adxudicación da concesión da xestión e explotación do centro de recría da Deputación na Granxa Gayoso Castro, ao igual que fixo o BNG, xa que “queda claro que se está ante un proceso que xera dúbidas e non imos ser responsables de que se adxudique sen estar garantidas as prescricións técnicas”.

O deputado do Grupo Popular, José Ulla, explicou que a resolución do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractual en relación á concesión do servizo do centro de recría do Centro Gayoso Castro non defende a legalidade do procedemento iniciado pola Deputación de Lugo, posto que non entra no fondo da cuestión, relacionado coa denuncia dunha empresa por incumprimentos nas prescricións técnicas, en concreto, sobre a necesidade de construír unha balsa de xurros.

Ulla lembra que o PP conseguiu no último Pleno que quedara sobre mesa a proposta de adxudicación da concesión da xestión e explotación do centro de recría Gayoso Castro mentres non se resolvía o recurso efectuado por unha das empresas que participou no proceso de contratación, en cuxa reclamación denuncia incumprimentos nas prescricións técnicas. “Resolto o proceso sabemos cumprir coa nosa palabra, pero queda claro que o recurso non entra no fondo, o que nos segue a xerar inquedanzas e incertezas das que non queremos ser responsables”.

Por último, o deputado popular defendeu que “dende o noso partido sabemos xestionar e non buscamos entorpecer, por iso nos abstemos, para que máis pronto que tarde se poña en marcha o centro de recría e agardamos que un investimento millonario de máis de 13 millóns de euros beneficie ao sector lácteo da provincia”.

Exit mobile version