Site icon Crónica3.com A Mariña

O novo plan de transporte para A Mariña multiplica por seis o número de paradas

Viveiro (Lugo), 1 de xuño de 2017.- A reordenación do transporte público para a conexión interior da Mariña prevé multiplicar por seis o número de paradas -ao pasar de 29 a 169-, facilitando que 41.300 persoas dispoñan dunha a menos de 500 metros da súa residencia, o que supón un incremento dun 16% de poboación con respecto á situación actual.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou hoxe en Celeiro a incidencia que terá na Mariña a primeira fase do Plan de Transporte Público de Galicia, que xestiona a Consellería de Infraestruturas e Vivenda. Nesta primeira fase están incluídos todos os concellos mariñáns salvo Alfoz, O Valadouro e O Vicedo, onde continúan sen variación cos servizos actuais ata o desenvolvemento da segunda fase, prevista para 2019.

Balseiro sinalou que están en período de información pública os dous contratos que afectan á comarca -dos 13 que se prevén na provincia-, un zonal para a conexión interna, que é o que inclúe as principais novidades, e un segundo contrato para manter as conexións con Lugo e A Coruña, entre outros puntos.

Polo que respecta ao primeiro, suporá a integración para uso xeral do 9% das rutas de transporte escolar que hai na Mariña. Suman en concreto 12 rutas, que disporán de coidadores para acompañar aos escolares, que teñen garantida a súa praza en todo caso.

Durante os períodos non lectivos manterase o servizo mediante a modalidade á demanda, adaptando as frecuencias e o tipo de transporte ás solicitudes realizadas.

Unha flota de 16 vehículos prestará o servizo, que incrementará nun 36% o número de quilómetros anuais, superando os 432.500 quilómetros. Coa nova proposta, prevese cuadriplicar o número anual de viaxeiros.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda prevé poder adxudicar o servizo no mes de xullo para que empece a funcionar xa en agosto.

Neste momento os anteproxectos están en exposición pública para que calquera persoa poida presentar as achegas que consideren oportunas e as empresas de transporte poidan mostrar o seu interese por ser as prestatarias do servizo. Os anteproxectos dos contratos de explotación poden consultarse na web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda: http://civ.xunta.gal/tema/c/CIV_Transporte_de_viaxeiros.

Exit mobile version